O crecemento da economía galega "tocou teito" en 2016

O Foro Económico cre que a "desaceleración non é dramática", pero avisa de que o emprego previo á crise non se recuperará ata a próxima década.


|

Foroeconomicogalicia


O Foro Económico de Galicia avisa de que o crecemento do PIB da Comunidade "tocou teito" en 2016, co avance do 3,1%, polo que prevé unha desaceleración con "velocidades lixeiramente máis baixas".


En rolda de prensa en Santiago o novo informe de conxuntura do Foro, o economista Santiago Lago sinalou que "dificilmente" Galicia terminará 2017 por encima do 3% de crecemento, xa que lle inflúe o avance a menor ritmo de España, aínda que o retroceso será dunhas décimas. Por iso, "esa desaceleración non é dramática", pero producirase se non hai "un cambio" no modelo produtivo.


Nesta liña, o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe achaca esta situación a unha previsión dun menor consumo dos fogares galegos, unido ao descenso do gasto público. A este respecto, chama a atención de como o crecemento de Galicia foi inferior ao de España no primeiro semestre de 2016, pero maior na segunda parte do ano, con "período electoral" na Comunidade --ese investimento comezou xa a baixar no último trimestre--.


A preguntas sobre cando recuperará Galicia niveles previos á crise, Lago estima que no tocante ao produto interior bruto estará "lixeiramente por encima" en 2018, mentres que no caso do emprego non será ata a próxima década.


AUMENTO DA TEMPORALIDADE


Así, en 2016 o crecemento de Galicia foi "moi compasado" ao de España --unha décima menos na Comunidade a final de ano--, nun proceso de "converxencia" que non se viu en exercicios anteriores.


Nesa alza tivo gran protagonismo o crecemento continuo das exportacións, centradas en vendas a Portugal e Francia, así como en sectores como a automoción e o téxtil. Con todo, Laxe identifica aquí unha situación nova, pois as importacións a Galicia de compoñentes de automoción xa son maiores que as exportacións.


No tocante á análise do mercado de traballo, o número de contratos temporais en 2016 aumentou respecto dos indefinidos ata supoñer o 26,2% (oito décimas máis que en 2015), a taxa de temporalidade máis alta desde 2009.


Así mesmo, hai un bo comportamento na taxa de desemprego, que baixa ata o 17,2%, a cifra máis baixa desde 2010, aínda que as mulleres seguen como as máis prexudicadas no mercado laboral fronte aos homes, tanto en temporalidade coma en desemprego. "Especialmente preocupante" ve o Foro o elevado paro entre menores de 25 anos, por encima do 40%, cando en 2010 representaba o 35,4%.


Xunto a isto, aínda que o paro de longa duración baixe por segundo ano consecutivo en todos os grandes grupos idade, "aínda representa o 51,8% do paro total".


PERDA DE 51.000 ACTIVOS ENTRE 25 E 34 ANOS


Outro dos puntos nos que se chama a atención neste informe é na perda de poboación, posto que entre 2014 e 2016 os residentes en Galicia descenderon en 48.000 persoas.


Respecto diso, o economista José Francisco Armesto Pina pon o foco sobre a perda de 51.000 activos entre 25 e 34 anos en Galicia, que se explica pola emigración e pola evolución demográfica de envellecemento.


"FRACASO" DA INDUSTRIA 4.0 DA XUNTA


Por outra banda, Laxe lamentou a falta de aumento do peso industrial na economía, e criticou o "fracaso" das políticas da Xunta de fomento da industria 4.0, xa que "moitas" das 'start-ups' (empresas emerxentes) que reciben axudas "non se consolidan".


A continuación, expuxo que en todos os territorios con políticas industriais "exitosas" levan a cabo medidas nas que se definen mellor os sectores para apoiar.


Santiago Lago indica sobre a industria 4.0 que "se tentas facer unha cousa e non sae" o mellor é "descartalo" e "non perseverar", "recoñecer que aí te equivocaches e seguir por outro camiño". "Iso na vida pásanos a todos", reflexionou.


E é que insta a centrarse na industria galega "máis aló" da 4.0, posto que hai empresas que "aínda están o 1.0" e, "por tanto mellor pensar en ir a 2.0 que chegar a 4.0".


Tamén se chama a atención sobre o indicador de competitividade rexional presentado pola Comisión Europea, no que Galicia non está entre as zonas máis avanzadas, xa que ocupa o posto 181 de 263. En concreto, está en boas posicións en cuestións como sanidade e formación básica, pero á cola en mercado de traballo, innovación e sofisticación empresarial, entre outras.


SEN ESTRATEXIA MARÍTIMA E COMPETENCIA CON PORTUGAL


Neste informe, recóllese así mesmo unha análise de González Laxe no que empraza á posta en marcha dunha estratexia marítima en Galicia, ante a ausencia desta fronte a outros países.


A continuación, censurou a "descoordinación" entre os cinco principais portos galegos --A Coruña, Vigo, Ferrol, Marín e Vilagarcía--, cuxos tráficos se atopan en retroceso fronte ao aumento de Leixoes (Porto, Portugal).


De feito, Laxe cre que é "mellor a cooperación" entre Galicia e o Norte de Portugal "para saír todos gañando", no canto de apostar pola "rivalidade", debido a que esta eurorrexión supón un mercado "moi atractivo", "comparable á poboación de Cataluña". Para esa coordinación pon de exemplo a que levan a cabo Alxeciras e Tánxer.

relacionada O Foro Económico alerta contra sistemas de financiamento "tipo Frankenstein"
relacionada Galicia acelera o seu crecemento ata o 3,7% a finais de 2016, segundo Abanca
relacionada O paro baixa minimamente en febreiro en Galicia despois de tres meses subindo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE