O paro baixa minimamente en febreiro en Galicia despois de tres meses subindo
Só 154 persoas atoparon emprego este mes. No resto de España este mes foi o segundo mellor febreiro desde 2005.
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) reduciuse en febreiro en Galicia unicamente en 154 persoas en relación co mes anterior, o que representa unha lixeira caída do 0,07%, segundo os datos que publica este xoves o Ministerio de Emprego.
Mentres, en comparación con hai un ano, a comunidade galega conta con 23.344 desempregados menos (-9,92%), o que sitúa o total en 211.924 parados.
No conxunto estatal, o paro baixou en febreiro en 9.355 desempregados respecto ao mes anterior (-0,2%), o seu segundo mellor rexistro nun mes de febreiro desde 2005, e o volume total alcanzou a 3.750.876 persoas, polo que continúa nos niveis máis baixos dos últimos sete anos.
AFLICIACIÓN
A Seguridade Social gañou en febreiro unha media de 74.080 afiliados (+0,4%), o seu segundo mellor dato neste mes desde 2008 tras o logrado en 2015, cando a afiliación creceu en 96.909 persoas.
En febreiro do ano pasado gañáronse 63.355 cotizantes, menos dos rexistrados este ano. Deste xeito, ao finalizar o mes pasado, o total de ocupados situouse en 17.748.255 cotizantes, segundo informou este xoves o Ministerio de Emprego.
En febreiro, o Réxime Xeral gañou 68.506 afiliados, un 0,4% máis que en xaneiro, mentres que o Autónomos (RETA) sumou 4.041 novos cotizantes (+0,1%).
No último ano, a Seguridade Social acumula un repunte de 580.543 afiliados, un 3,38% máis, a mellor taxa desde 2007.
Escribe o teu comentario