Os sindicatos advirten do avance do paro e a precariedade en Galicia
UGT pide derrogar as reformas laborais, CCOO acusa á Xunta de "intensificar" os seus efectos e a CIG ve consolidado ao traballador pobre.
Os sindicatos UXT, CC.OO. e CIG advirten do avance do paro rexistrado en xaneiro en Galicia en relación co mes anterior, e tamén denuncian a precariedade no mercado laboral galego.
En senllos comunicados, as organizacións reaccionan a os datos do desemprego que publicou este xoves o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, que sitúa en máis de 212.000 o número de parados galegos en xaneiro, 6.164 máis que en decembro pero 24.369 menos que no mesmo mes do ano anterior.
UGT alerta do carácter estacional de "boa parte do emprego creado" e do avance "imparable" da precariedade, así como do paro de longa duración.
Para a central, urxe "frear esta precarización xeneralizada e recuperar os dereitos dos traballadores, para o que hai que derrogar na súa totalidade as reformas laborais".
Mentres, CCOO sinala que a comunidade galega empeza o ano "igual que rematou o anterior: máis desemprego e unha situación peor que no resto do estado".
"Os poucos postos de traballo que se crean son precarios e nove de cada dez teñen carácter temporal", afirma a súa secretaria de emprego, Maica Bouza. Os datos desta xornada son, ao seu xuízo, "a constatación da denuncia que leva meses facendo o sindicato: as políticas aplicadas pola Xunta intensifican" en Galicia "as receitas de Mariano Rajoy", que "se revelan estériles" para combater o paro.
Pola súa banda, a CIG sinala que o incremento do desemprego na comunidade "duplica a media estatal", e fala dun "desfasamento" debido a que moitas persoas, á marxe das rexistradas, "xa" non o fan ou emigran.
Tamén apunta que o elevado número de contratos "explícase pola elevada rotación e escasa duración dos mesmos". "A situación é cada vez máis preocupante, xa que vemos como se está profundando na consolidación da figura do traballador pobre", resolve o secretario de emprego dos nacionalistas, Miguel Malvido.
Escribe o teu comentario