Estamos no século XXI, din que avanzamos no campo das tecnoloxías, a medicina -agora máis parada pola falta de investimentos-, descóbrense planetas, os robots non son ciencia ficción e, con todo, a muller e os seus dereitos retrocederon coma os cangrexos. Non é unha paranoia de feminista, é unha realidade esmagadora.
Non hai semana no ano que non se produza a morte dunha muller a mans do seu marido, parella ou compañeiro. Son as frías estatísticas, que non enganan. Por que?, sinxelamente porque estes asasinos consideran a muller da súa propiedade e cren ter o dereito de facer con elas o que lles pete. É unha escrava nun mundo "libre", en pleno século XXI. "A muller coa pata crebada e na casa", ese é o lema dos maltratadores, que o aplican sen piedade.
Non é normal o que está a suceder mentres os lexisladores se lamentan da situación, sen que por iso se poñan ao choio. Xa é hora de implicarse máis e buscar solucións reais, non verbais.
A situación das mulleres no mundo laboral non mellorou moito tampouco. Salarios máis baixos que os homes; postos de responsabilidade, os xustos; e a representación feminina nos consellos de administración das empresas non hai por onde collela, só unhas pouquiñas e para que non se diga.
Na política, quitando as excepcións das alcaldesas de Madrid e Barcelona, pouca cousa máis nas alcaldías das grandes cidades. Encabezando as listas electorais, ningunha ata agora. Avanzamos, din, pero só na teoría, a práctica diaria xa é outra cousa.
Este 8 de marzo, un ano máis, espero que non sexa unha celebración anual, coma cada ano e ata o próximo, nada. Debería ser o principio da fin da discriminación da muller en todos os campos. Non hai que baixar a garda, non hai que retroceder nin sequera para coller aire porque a mellor protección que a muller pode ter é a coraxe e loita diaria sen desfalecer.
Non hai que deixarse seducir neste día, coma se fósemos monos de feira. Haberá algo que celebrar cando o día 8 de marzo sexa un día normal coma calquera outro. Mentres tanto, a seguir traballando…
Escribe o teu comentario