Sergi Gómez confía na capacidade do celta para gañar ao Krasnodar
O central celeste non quere que a dura derrota ante o Barça inflúa aos vigueses para a eliminatoria de Europa League ante os rusos do Krasnodar.
O Central do Celta de Vigo, Sergi Gómez, declarou que non deben quedar ancorados no partido da fin de semana e pensar no que vén "que é moi importante".
"Somos o suficientemente maduros para saber o que fixemos mal, para deixar de lado ese partido e pensar no que vén porque é moi importante. Non foi o noso mellor partido e eles tamén xogaron a un nivel moi alto, pero iso non serve de escusa. Non estivemos á altura e pecamos diso", manifestou.
O defensa do Celta falou do equipo ruso, que o xoves visita Balaídos. O equipo que adestra Ígor Shalimov non poderá contar para a visita a Vigo coa súa máxima estrela, o dianteiro e pichichi da pasada Liga rusa, Fedor Smolov. "Calquera rival que vén, e máis en Europa, é moi potente, independentemente do seu nome. Hai que estar con todas as alarmas acesas para competir nos dous partidos a un gran nivel", dixo. "Que o seu mellor xogador non estea é un punto a favor nosa, pero seguro que o que entre no seu lugar o fará igual de ben", engadiu o céltico.
Gómez cre que o Celta aprendeu dos erros ante o Alavés, que lle custaron o pase á final de Copa. "Ao eliminar ao Real Madrid e logo enfrontarnos ao Alavés parecía que todo ía ser máis fácil e unha vez máis demostrouse que calquera equipo che pode gañar. Hai que tirar desa experiencia e saber que aquí non te podes relaxar, calquera rival en Europa é perigoso".
Que Balaídos acolla uns oitavos de final dunha competición europea debería servir como reclamo para que o estadio presentase unha gran entrada. Iso cre o defensor do Celta: "A xente é consciente de que hai que estar co equipo. Fago un chamamento: Cantos máis sexamos, máis lonxe poderemos chegar", proclama Sergi Gómez.
Escribe o teu comentario