Aspas rescata un punto para o Celta en Xixón
(1-1). O Sporting, que pelexa por saír do descenso, loitou desde o inicio e case sorprende aos celestes.
Fontás, nun choque do partido. //Fonte: RC Celta
O Celta sumou en Xixón nun choque que comezou por baixo no marcador por un penalti sinalado ao comezo da segunda metade. Iago Aspas empatou cun lanzamento de falta e os celestes buscaron con afán unha vitoria que finalmente lles escapou.
Empuxou con forza o Sporting desde o inicio, cun Celta un tanto impreciso nalgunhas fases que tardou en entrar no partido. Rubén interveu con acerto en diversas ocasións na primeira media hora, na que os celestes tamén probaron a Cuéllar con remates de Rossi, Roncagia e Bongonda.
O descanso chegou con varias xogadas a balón parado do Sporting defendidas con eficacia polos vigueses.
Tras o descanso, aos dous minutos, penalti a favor do Sporting que anotou Moi Gómez. Jozabed estivo a piques de empatar pouco despois cun bo lanzamento que saíu rozando a madeira. E o pau evitou o segundo do cadro local tras un bo cabezazo de Traoré.
O Celta empatou a falta dun cuarto de hora cun golazo de falta de Iago Aspas nunha xogada precedida pola expulsión de Meré ao derrubar a Bongonda cando encaraba o porteiro. Pouco despois, un fóra de xogo dubidoso impediu o gol de Planas e o traveseiro un tanto do Tucu. Minutos cargados de infortunio para asinar o empate.
FICHA TÉCNICA
1-Sporting de Xixón: Cuéllar, Douglas, Meré, Amorebieta, Canella, Sergio Álvarez, Vesga, Carmona (Lillo, min.78), Burgui (Xavi Torres, min.72), Moi Gómez e Traoré (Cop, min.85).
1-RC Celta: Rubén, Roncaglia, Sergi Gómez, Fontás (Pablo Hernández, min.69), Planas, Marcelo Díaz, Radoja, Jozabed (Iago Aspas, min.59), Señé, Bongonda e Rossi (Beauvue, min.78).
Escribe o teu comentario