O Celta desquítase ante o Osasuna da súa mala xeira
(3-0). Os de Berizzo gozaron do dominio durante boa parte do encontro, pero non sentenciaron ata os últimos cinco minutos.
Goleada do Celta na casa ante o Osasuna, que resarce os vigueses das últimas derrotas dolorosas. Tres puntos que serven para a pelexa por volver a postos europeos e para dar moral para a eliminatoria que teñen que remontar fronte ao Shakhtar se non queren verse apeados doutra competición. Pione Sisto abriu a lata no primeiro tempo e ata o últimos cinco minutos non sentenciaron Jozabed e Aspas.
Aos dous equipos custoulles coller o pulso do encontro en Balaídos e ata pasado o minuto 10 non puido o Celta levar o partido ao seu terreo e dominar o xogo. A partir de aí, gozaron das maiores ocasións de perigo.
Pione Sisto converteu esa superioridade en vantaxe no marcador. No resto da primeira parte, os de Berizzo non pasaron apuros en defensa.
A vota do descanso cambiou as tornas e o Osasuna saíu moito máis ambicioso, en parte obrigado polo resultado. Mesmo De las Cuevas chegou a perdoar o empate, co Celta desaparecido ata que se cumpriu a hora de partido e Berizzo comezou a mover o banco. Entrou Jozabed por Sisto.
Co cambio os vigueses sentíronse máis cómodos, recuperando o balón e o equilibrio no campo, aínda que sigueron moi mornos en ataque. Non foi ata o últimos cinco minutos cando Jozabed e Aspas sentenciaron e redondearon o marcador.
Escribe o teu comentario