O rural reclama axudas para as familias que non poden plantar patacas
En 31 concellos está en vigor a prohibición. O decreto contempla compensacións só a quen teña que levantar as xa plantadas e destruílas.
A Federación Rural Galega (Fruga) pediu este luns á Xunta que poña en marcha axudas para todos os afectados polo impedimento de plantar patacas nas zonas infectadas pola couza guatemalteca.
A través dun comunicado, a organización agraria alude así ao real decreto publicado o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE) polo que se establece a prohibición de cultivar patacas en 31 concellos galegos e a obriga de desenterrar as xa sementadas.
Nese texto, segundo Fruga, indícase que só haberá axudas para aquelas persoas que teñan que levantar as xa plantadas e só pola destrución das mesmas.
Fronte a iso, pediu que se compense tanto a aqueles que plantan pataca para autoconsumo como a quen a cultiva dunha forma profesional para a súa venda a través dunha liña de axudas deseñada pola Consellería do Medio Rural.
Escribe o teu comentario