Con medidas estritas a praga da pataca erradicarase "nun ano"

Medio Rural avisa de que se algún elo da cadea falla poderá suceder coma en Canarias, onde levan 18 anos afectados.


|

Patatacoristanco


A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, subliñou que se "todos" os involucrados "acatan" as ordes dos técnicos, a polilla guatemalteca que afecta á pataca en 31 concellos galegos poderá erradicarse "nun ano". Pola contra, advertiu, poderá darse a situación de Canarias, onde levan máis de 18 anos tentando atallar a praga e actualmente se perde o 80 por cento da produción.


Ademais, ante o pleno da Cámara, adiantou que o decreto estatal con medidas para os afectados sairá "na primeira quincena de marzo" tras "un traballo exhaustivo" de Galicia e Asturias co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.


Precisamente, como dixo na súa resposta a Carlos Gómez Salgado (PP), José Antonio Quiroga (PSdeG) e Xosé Luís Rivas 'Mini' (BNG), nese decreto incluiranse as liñas de axudas para compensar aos agricultores de Galicia e Asturias polas perdas.


Por último, a titular de Medio Rural apuntou que en Galicia perdéronse uns 6.800 quilos de pataca entre finais de 2015, cando se detectou a polilla, e todo o ano 2016. Nese tempo, profundou, instaláronse máis de 700 trampas que capturaron uns 14.000 insectos, desenvolveuse unha "intensa" campaña informativa, desenvolvéronse inspeccións en almacéns e recolléronse mostras para a súa análise.


VISIÓN DOS GRUPOS


Fronte ás explicacións da conselleira, o deputado nacionalista denunciou que existe "unha política de brazos cruzados" por parte da Xunta mentres os produtores sofren "un sentimento de desamparo e incerteza". "Están a esperar a que o Goberno dite un decreto, coma se non tivesen competencias!", recriminou.


Tamén o socialista criticou a "inexplicable demora" en tomar medidas por parte do Executivo autonómico e advertiu de que se están causando "un dano difícil de restañar" aos agricultores, tanto pola produción como polo lucro cesante. Ao fío diso, reclamou fondos para investigar sobre esta praga.


En cambio, o deputado do PPdeG destacou as actuacións da Xunta desde finais de 2015, como as reunións que mantivo con alcaldes, produtores, sindicatos e a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia.


Na súa seguinte quenda, Ángeles Vázquez pediu non caer en "alarmismo" con comentarios sobre a praga da pataca, que só supón "un problema de saúde vexetal, pero non pública", e fixo fincapé na súa vontade de atallala "no menor tempo posible".

relacionada Cume galego para abordar a praga da pataca
relacionada Quen plante patacas nos municipios afectados pola praga debe notificalo á Administración
relacionada Sospeitan que a praga da pataca chegou a Galicia desde Canarias

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE