Quen plante patacas nos municipios afectados pola praga debe notificalo á Administración
A Xunta amplía as medidas urxentes que afectan a produtores profesionais e ao autoconsumo.
A Xunta ampliou as medidas urxentes para a erradicación da praga da pataca, de forma que todos os produtores, tanto profesionais como para autoconsumo, de municipios afectados pola polilla guatemalteca ('Tecia Solanivora Povolny') "deberán comunicar a superficie plantada na presente campaña".
Así figura na resolución publicada este martes polo Diario Oficial de Galicia (DOG), na que, entre outras medidas, infórmase de que os concellos reforzarán a vixilancia da procedencia do tubérculo nos mercados locais, e "impedir, se é o caso, a circulación".
Os operadores de pataca tamén terán que notificar "de forma inmediata" á Xunta "cando detecten síntomas ou sospeiten da presenza" da praga da pataca.
Así mesmo, os vendedores de semente de pataca solicitarán aos compradores diversos datos que os identifiquen como nome, dirección, cantidade adquirida e data. Unha información que estará a disposición dos servizos oficiais de sanidade vexetal.
Á espera de que o Ministerio de Agricultura publique o decreto que prohibirá a plantación, o Goberno galego recomenda non sementar patacas en municipios afectados pola praga, xa que unha vez estea en vigor a normativa estatal procederase a arrincar e destruír a colleita.
Escribe o teu comentario