Prohibido plantar patacas no norte de Galicia para erradicar unha praga
A coñecida como 'polilla guatemalteca' afecta a 31 concellos da Coruña e Lugo. Aínda non entrou en vigor, pero o Ministerio decretará a prohibición "nun mes ou mes e medio".
A directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, Belén do Campo, trasladou a alcaldes e representantes de municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, a necesidade de prohibir a plantación de patacas en ata trece municipios destes territorios co obxectivo de erradicar a praga denominada 'Tecia solanivora Povolny', coñecida popularmente como "polilla guatemalteca".
Do Campo asegurou que un Real Decreto do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente "recolle a prohibición de plantar patacas en zonas onde agora mesmo temos detectada a presenza desta praga".
Por iso, fan "un chamamento á poboación, a toda esa xente que por costume planta as súas propias patacas para o autoconsumo e as súas familias, e que por responsabilidade nestes momentos, talvez o mellor é que nestas zonas non a planten". "Sobre todo porque estamos a uns días, nun mes ou mes e medio, para que o Ministerio xa as deteña por Real Decreto e que terá que ser cumprido", abundou.
ZONAS AFECTADAS
Segundo unha resolución do 2 de febreiro deste ano, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), son xa trece os concellos afectados por esta praga na provincia da Coruña.
En concreto, trátase de Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez, aos que suman outros dezaoito do norte da provincia de Lugo, como son O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova.
MEDIDAS
A directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantivo un encontro con representantes municipais no edificio administrativo da Xunta en Ferrol. Explicou que, aínda que afecta a zonas catalogadas como de "autoconsumo", "poderían chegar a zonas produtivas se non se toman medidas, e que podería mesmo afectar á IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Pataca de Galicia".
A responsable da Xunta tamén destacou que ao longo dos últimos meses se instalaron trampas para tratar de "atrapar" estas polillas e que deron un resultado "positivo". Ao mesmo tempo apuntou que a instalación destes métodos de eliminación de onde non se detectou, "non atraparon ningunha, o que é unha boa noticia".
INDEMNIZACIÓNS
A preguntas dos medios de comunicación, Belén do Campo asegurou que desde que apareceu en 2015 a praga das polillas guatemalteca, tanto na comarca de Ferrolterra como da Mariña lucense, en dous anos, 2015 e 2016, "destruíronse 6.800 quilos de patacas e eses produtores que o solicitaron pagóuselles unha indemnización de trinta céntimos por quilo de pataca".
Nesta liña trasladou que no Real Decreto que recolle a prohibición de realizar novas plantacións nesta zonas "xa van recollidas indemnizacións naquelas zonas nas que non está prohibida a súa plantación e resulten afectadas", pero non se contempla ningunha medida compensatoria nas zonas de prohibición de plantación.
Escribe o teu comentario