O Defensor do Pobo lembra á Garda Civil "o seu deber legal" de coñecer o galego
Un cidadán non foi atendido no cuartel de Gondomar por "descoñecemento" do idioma dos funcionarios.
O Defensor do Pobo lembra á Garda Civil "o deber legal" de que os seus funcionarios coñezan o galego na Comunidade para a atención ao cidadán.
No seu informe anual de 2016, que recolle Europa Press, o Defensor do Pobo refírese ao caso dun cidadán ao que "non se puido atender" en galego no cuartel da Garda Civil de Gondomar (Pontevedra), "primeiro telefonicamente e despois de forma presencial", "dado o descoñecemento da lingua galega dos funcionarios".
Respecto diso, o Defensor do Pobo subliña que se fixo un recordatorio á Dirección Xeral da Garda Civil "para facer efectivo o dereito dos cidadáns de utilizar nas súas relacións coas administracións públicas a lingua cooficial da comunidade autónoma".
A continuación sinala o "deber legal de procurar que os postos de atención ao público e de recepción de denuncias nas dependencias da Garda Civil da Comunidade Autónoma de Galicia sexan desempeñados por funcionarios que coñezan a lingua galega".
DENUNCIA DA MESA E DESCULPA
No seu día, A Mesa pola Normalización Lingüística informou de que a Garda Civil de Pontevedra pedira desculpas por escrito a un cidadán por mor deste caso, tras negarlle a atención por falar en galego no posto de Gondomar.
Segundo o relato da Mesa, os axentes dese cuartel instaron ao cidadán, que acudía a poñer unha denuncia, a "falar en español". Ao negarse este, recomendáronlle dirixirse á Policía Local, pois alí non poderían atendelo.
En resposta á súa queixa en dependencias do Instituto Armado, o responsable da Garda Civil en Pontevedra xustificou o ocorrido "na orixe foránea" do axente que o atendeu, pero tamén admitiu que se vulneraran os seus dereitos lingüísticos.
"É o meu deber desculparme polo sucedido, xa que vostede ten o dereito de usar a lingua oficial desta comunidade e os axentes teñen a obrigación de realizar as xestións necesarias para poder atendelo", recollía A Mesa sobre a resposta do tenente coronel de Pontevedra.
Escribe o teu comentario