O Sergas, o organismo público que máis queixas rexistra por "racismo lingüístico"

'A liña do galego' recibiu en 2016 o dobre de queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos respecto ao ano anterior. 


|

Saludsergas


O servizo de atención cidadá da Mesa pola Normalización Lingüística, 'A Liña do Galego', recibiu máis do dobre de queixas por vulneración de dereitos lingüísticos en 2016 respecto ao ano anterior, unhas 339 respecto das 157 rexistradas en 2015.


A maioría das protestas cidadás trasladadas a través deste servizo referíanse a toponimia deturpada (25%), discriminación ou exclusión do galego (21%), rexeitamento a ser atendidos no seu idioma (19%) ou á inexistencia na rotulación e sinalización (16%) de vías, institucións ou establecementos.


Outras referíanse a rexeitamentos da UNED a escritos en galego dun alumno, negación da atención neste idioma por servizos telefónicos da Axencia Tributaria, compañías de seguros ou de banca e outras empresas e a súa exclusión na facturación ou nas páxinas webs de concellos, entre outras.


Máis da metade das queixas, o 51 por cento, implicaban a administracións públicas (a 42% galega e 31 a estatal), ademais de empresas de servizos (26%) e entidades privadas (19%).


Así mesmo, o Sergas situouse como administración pública cun maior volume de protestas cidadás, sobre o 30%, ademais da Axencia Tributaria Española, a Xunta e Correos.


Audasa, pola súa banda, foi a empresa privada con maior porcentaxe de denuncias, seguida de Renfe, Abanca e IKEA.


"RACISMO" LINGÜÍSTICO


O presidente da asociación, Marcos Maceira, presentou os datos deste informe anual sobre as comunicacións recibidas polos cidadáns a través do servizo de atención.


Ademais destas queixas, a entidade rexistrou 24 peticións de axuda e consello sobre dereitos lingüísticos, modelos de contratación en lingua galega e outro tipo de consultas. Tamén recibiu 68 informacións sobre establecementos e administracións que garanten unha correcta atención, comunicación e servizo neste idioma.


Maceira achacou o incremento neste volume de queixas á nova aplicación móbil do servizo e a que o cidadán conta con "máis facilidades" para denunciar a situación real do idioma e o "racismo" lingüístico que sofren os seus falantes "en pleno século XXI".


"Non se pode consentir", advertiu, lamentando este tipo de casos nos que, por exemplo, se produce "chantaxe" desde un servizo e atención para que o cidadán utilice o castelán para evitar "atrasos" están "absolutamente naturalizados"


Unha situación que en castelán "sería impensable", porque "sería ilegal".


ILP


Por todas estas razóns, rexistraron unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) o pasado venres no Parlamento orientada a garantir os dereitos lingüísticos dos cidadáns no ámbito socioeconómico, que se presentará en profundidade o próximo 18 de febreiro.


"Somos persoas, somos seres humanos, temos dereito a falar a nosa lingua no noso país", considerou Maceira, quen pediu o apoio da cidadanía a esta nova iniciativa (para a que necesitan 10.000 firmas) "para reverter esta situación".

relacionada Galicia Press aposta pola lingua de todos
relacionada A Mesa e CIG-Ensino presionan para tombar o decreto do plurilingüismo
relacionada Os dominios .gal celebran as Letras Galegas rebaixando os seus prezos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE