A Xunta admite "carencias" na utilización do galego entre a mocidade
Prepara un plan para o fomento da lingua propia | Román Rodríguez puntualiza que non é un problema de coñecemento senón de "uso".
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou este martes que o Goberno galego está a traballar para poñer en marcha un plan de fomento do uso do galego entre a mocidade, consciente de que existen "carencias" no nivel de utilización neste ámbito.
Así o dixo aos xornalistas tras participar xunto co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na celebración do Día Internacional da Lingua Materna nunha escola infantil de Santiago.
Tras puntualizar que o "problema" non é "de coñecemento, senón de uso", puxo en valor os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) reflicten que actualmente se logrou "o máximo nivel de coñecemento" da lingua propia.
Do que non existen datos, como referiu a preguntas dos xornalistas, é sobre cal é a lingua materna predominante en Galicia. "En determinados espazos fálase máis galego e noutros, máis castelán", resolveu.
O titular de Educación apostou por "fomentar, estimular" que o galego se utilice en Galicia "como primeira lingua" aínda que "sempre desde a liberdade". "Non se pode entender Galicia sen o galego, pero tampouco só en galego", recalcou.
Ao fío diso, resaltou que o galego abre as portas ao mundo da lusofonía, mentres o castelán conéctanos con centos de millóns de falantes en todo o mundo. "E se engadimos o inglés, estamos a preparar aos mozos para estar nun mundo cada vez máis globalizado e no que o uso das linguas vai ser moi necesario", finalizou.
LINGUA MATERNA
E, tras destacar Román Rodríguez a importancia da lingua materna, o titular de Política Social profundou na importancia de celebrar este día.
A iso sumou o valor das linguas e "o respecto aos pais pola elección da lingua que queren para os seus fillos", así como a oferta "desde os cero anos" de que os nenos poidan aprender "varias linguas".
De feito, no encontro cos nenos na 'Galiña Azul', Rey Varela animounos a "aprender moitos idiomas", mentres Román Rodríguez explicoulles que a súa gardería toma o seu nome dun dos primeiros contos en galego, escrito por Carlos Casares en 1958.
Despois de recibir un sonoro 'si' á súa pregunta de se sabían contos en galego, pediu aos pequenos falar "cantos máis idiomas, mellor" pero "primeiro" na lingua propia.
O colofón ao acto púxoo a actuación de Pablo Díaz, un grupo que interpretou varias pezas infantís que arrincaron un bo número de aplausos entre os máis pequenos.
Escribe o teu comentario