Queremos Galego Marín organiza unha charla sobre o galego estremeño do Val do Ellas
Presentaranse dous traballos do investigador da UVigo Xosé Henrique Costas, unha sobre as falas do Val do Ellas, e outra sobre xentilicios.
San Martín de Trevejo, un dos pobos onde se fala a fala // Pueblosconencanto.net
A Asociación Queremos Galego de Marín organizará o vindeiro venres, día 24 de febreiro, no Museo Manuel Torres da localidade, unha conferencia sobre as 'falas' de orixe galega no Val do Ellas, en Cáceres, e sobre os xentilicios galegos.
A asociación aproveitará esta ocasión para presentar os dous últimos traballos de investigación do filólogo, investigador e profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas.
O primeiro dos libros, 'O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas', é o resultado de 20 anos de visitas do autor á zona para recoller material en forma de artigos para debullar, entre outros aspectos, a onomástica e a historia do galego na zona.
Ademais, tamén analiza a situación sociolingüística e a "urxente necesidade" de codificación destas 'falas' para as que propón unha solución "á galega".
O segundo dos libros, 'Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega', é un estudo no que o autor analiza como moitos medios de comunicación "inventan xentilicios" e como estes calan na sociedade ao non existir xentilicios derivados do topónimo no 90% dos lugares de Galicia.
Escribe o teu comentario