A patronal pontevedresa podería deixar a CEG "se non hai un cambio de actitude"

Reclama á patronal galega tomar medidas para abordar a súa crise e sinala que a viabilidade "non pasa só por asinar unha hipoteca". 


|

Empresariospontevedra


A patronal pontevedresa advertiu este luns de que "se non hai un cambio de actitude" na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Confederación de Empresarios de Pontevedra podería pedir a súa baixa da organización galega ou unha "suspensión temporal".


Así o manifestou o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, durante unha rolda de prensa na que recoñeceu a difícil relación da organización pontevedresa coa patronal galega. "Non nos gustou como se presentou ás eleccións, a última hora e vulnerando un pacto", sinalou, en alusión a Antón Arias. 


Cebreiros tamén criticou as declaracións de Antón Arias, na que sinalaba a necesidade de subir salarios, e advertiu de que "non se pode dicir isto alegremente" e "hai que ter coidado", porque cando fixo estas consideracións "estaban a negociarse 13 convenios".


PROBLEMAS ECONÓMICOS DA CEG


Con respecto aos problemas económicos da patronal galega, Jorge Cebreiros apuntou que "historicamente ten débedas por erros que se cometeron hai 17 anos". A ese respecto, sinalou que a CEG debe tomar medidas, porque "o anterior presidente non tomou ningunha" e as de agora "xa estaban aprobadas".


En todo caso, o presidente da CEP advertiu de que "un plan de viabilidade non pode pasar só por asinar unha hipoteca", e aseverou: "Hai que mandar, se non, es un irresponsable e non mereces estar nese cargo".


BALANCE DA CEP


Na comparecencia deste luns, Jorge Cebreiros fixo balance do ano 2016, que cualificou como "moi duro" e que acabou cunhas perdas duns 300.000 euros, a pesar das medidas de aforro adoptadas (revisión de débedas, aforros relativos a provedores, axustes de persoal e outras) previstas no Plan de Viabilidade.


Á marxe da actividade de 2016, o presidente da CEP subliñou que a organización seguirá traballando nas mesmas liñas, con especial fincapé na cooperación transfronteiriza e no impulso ao AVE Vigo-Ourense-Madrid por Cerdedo.


O presidente da CEP manifestou tamén a "profunda preocupación" dos empresarios da provincia por dúas cuestións: a deslocalización de empresas ao norte de Portugal, e os problemas de competitividade do Porto de Vigo.


Con respecto ao primeiro, a organización solicitou un informe xurídico á Xunta para saber se Portugal está a facer uso de fondos europeos para incentivar o asentamento de empresas no seu territorio ou se se trata de axudas irregulares. En canto ao Porto, lamentou que a terminal olívica non actúe de forma "competitiva nin intelixente", e subliñou que o porto de Leixôes non só conta con grandes investimentos, senón que tamén ten a vantaxe de que o "lobby portugués" traballa ao seu favor en Bruxelas.

relacionada En Marea pide denunciar a Portugal ante a UE por ofrecer incentivos desleais a empresas
relacionada O Porto da Coruña aumenta o seu tráfico mentres Vigo perde competitividade
relacionada Antón Arias, elixido novo presidente da patronal galega
relacionada O novo presidente da patronal recoñece que "é hora de subir salarios"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE