Feijóo delega en Rueda ata que se reincorpore trala paternidade
O DOG publica o decreto que deixa en mans do vicepresidente as súas funcións e que non adianta o tempo que durará a 'baixa'.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves o decreto polo que Feijóo delega os asuntos da Presidencia no vicepresidente Alfonso Rueda, "con motivo da asuencia por razóns familiares", tralo nacemento o mércores do seu primeiro fillo.
"Durante a ausencia por razóns familiares do presidente da Xunta de Galicia encárgaselle o despacho dos asuntos da Presidencia desde o día 16 de febreiro de 2017 ata a reincorporación do seu titular ao exercicio das súas funcións, ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza", segundo recolle o decreto.
Alberto, o fillo do presidente da Xunta e a súa parella Eva Cárdenas, a directora de Zara Home, naceu o mércores día 15 de febreiro nunha clínica privada --unha das que ofrece o seguro da empresa Inditex aos seus traballadores--, situada na cidade da Coruña, o lugar onde a nai elixiu dar a luz co médico que seguiu a súa evolución xinecolóxica nas últimas décadas e que xa lle asistiu no primeiro parto.
O propio Feijóo anunciou a través dun tuit na súa conta desta rede social o nacemento pouco despois do acontecemento, ao redor das 11,00 horas do mércores. "Moi felices pola chegada de Alberto, o neno e a nai están ben. Eu orgulloso dela", manifestou nesa mensaxe asinada coas súas iniciais --ANF--, no que tamén quixo agradecer o "interese", o "afecto" e "o respecto".
Escribe o teu comentario