Tres galegas acampan en Sol e inician unha folga de fame contra a violencia machista
A asociación Ve-la luz que impulsa esta protesta esixe 25 medidas de protección para as vítimas.
Tres mulleres vítimas de violencia machista e membros da asociación galega 'Ve-la luz' instaláronse na Porta do Sol e declaráronse en folga de fame "indefinida" ata que se aprobe un pacto de Estado que protexa as vítimas de violencia de xénero.
Estas tres mulleres, xunto a algunhas colaboradoras, animaron a outras vítimas a unirse nunha concentración na propia Porta do Sol, na que a asociación destacou as 25 medidas que cren que deben tratarse na subcomisión sobre violencia de xénero impulsada polo Congreso e que se celebra este mércores.
A concentración desenvolveuse ao redor de centos de zapatos tinguidos de vermello e varias necrolóxicas de mulleres vítimas de violencia machista. A ela acudiron máis dun cento de persoas, que tras os discursos, percorreron as rúas de Madrid para colocar candeas nas escaleiras do Congreso dos Deputados para esixir que se aproben estas 25 medidas proteccionistas.
Entre elas, que as nais de fillos asasinados sexan recoñecidas como vítimas de violencia machista, así como os nenos que quedaron orfos de nai como consecuencia deste tipo de violencia. Así mesmo, consideran "imprescindible" un plan de prevención que empece nos colexios e que se atenda en "todos os aspectos necesarios" ás familias que estean nesta situación.
Neste punto é preciso manifestar que no que vai de ano foron asasinadas un total de dez mulleres a mans doutros tantos homes cos que mantiñan ou mantiveran unha relación de parella. A última foi na localidade de Daimiel, en Cidade Real, onde un home foi detido acusado de acabar coa vida da súa parella e da filla desta, que tiña 18 anos de idade.
Na concentración, a folguista e presidenta de Ve-la luz, Gloria Vázquez, gritou a través dun megáfono que non están dispostas "a asumir nin unha máis". "Isto acábase gritando un gran xa abonda", aseverou.
Desta forma, lamentou que "están a gañar" o machismo e a violencia, á vez que criticou que "se está normalizando" o feito de que "cada tres días se mate unha muller". "Deixemos o 'gústame' e o 'compartir' para ocupar a praza", reivindicou Gloria.
Algúns dos eslógans que puideron verse en carteis e oírse en megáfonos manifestaron que a violencia machista debería cualificarse de "terrorismo" e que os maltratadores "non están tolos", senón que son asasinos. Algunhas das pancartas dicían: "Vós, machistas, sodes terroristas" ou "Pegar, xamais".
Ademais, puideron escoitarse algunhas voces críticas cos partidos políticos, así como á alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, que reclamaron a súa presenza.
Escribe o teu comentario