Acordo unánime por un pacto galego contra a violencia machista

|

Parlamentogaliciasesionplenaria


O Parlamento de Galicia acordou, co apoio unánime de todos os grupos, constituír un relatorio dentro da comisión non permanente de estudo para a igualdade, a obxecto de promover un pacto galego contra a violencia machista que inclúa, entre outras medidas, o aumento dos recursos económicos destinados a prevención e asistencia das vítimas e dos seus fillos.


O acordo, alcanzado sobre a base dunha moción do BNG, cuxa votación se pospuxo do martes ao mércores para ampliar o tempo de negociación dos grupos, tamén inclúe o compromiso, no marco deste foro, doutras medidas, como "o estudo" da modificación da lei galega contra a violencia machista para "incluír na mesma o concepto de feminicidio".


A elas súmase "a mellora" dos medios e recursos xudiciais para atender a esta cuestión, a "garantía" de existencia de mecanismos de separación entre vítimas e agresores nos xulgados, a "garantía" de formación especializada en violencia de xénero de todo o persoal que intervén no proceso xudicial, incluídos médicos forenses e equipos sociais.


Na batería de actuacións do pacto tamén figura a aplicación dun protocolo forense de valoración de nivel de risco nos casos de violencia machista nas unidades de valoración forense e o desenvolvemento en 2017 das medidas de coeducación previstas no primeiro plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos.


Entre outros pasos, o acordo selado por PP, En Marea, PSdeG e BNG aposta por "intensificar as medidas de prevención" da violencia machista con campañas de información e sensibilización dirixidas "á poboación en xeral e específicas para a mocidade". O obxectivo é erradicar os estereotipos sexistas e incidir no rexeitamento a toda forma de violencia machista.


As ditas campañas divulgaranse con especial intensidade nos medios de comunicación de titularidade pública, centros educativos, sociais, sanitarios, laborais, culturais e deportivos. Igualmente, avógase por "aplicar" o artigo legal que "considera a atención psicolóxica" ás vítimas un servizo de Atención Primaria.


Tamén se promoverá que as mulleres que sufrisen violencia non teñan que informar ao outro proxenitor de que un menor inicie tratamento para analizar "o impacto psicolóxico" sufrido por presenciar episodios de malos tratos; así como "a ampliación" da atención psicolóxica aos homes menores de idade "con problemas de conduta".


ACTUACIÓNS NO ÁMBITO LOCAL


No ámbito local, os grupos mostráronse partidarios da elaboración, "en cooperación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e os concellos", protocolos de prevención en entidades locais que non o teñan ou requiran a súa actualización por parte de persoal cualificado.


Así mesmo, proponse a "promoción da avaliación externa independente" por parte do Obsevatorio Galego da Violencia de Xénero sobre o cumprimento e o impacto en Galicia das leis galega e estatal, e das medidas necesarias para mellorar "a eficacia" das políticas públicas para acabar coa violencia de xero, que deberá ser remitida á Cámara.


Ao tempo, reclámase a promoción en medios públicos e privados do "cumprimento dos principios establecidos" na Declaración de Compostela, buscando "a responsabilidade e implicación dos medios" na loita contra a violencia machista e evitando "o morbo e o sensacionalismo" no tratamento informativo.


Tamén inclúe fixar medidas para evitar a victimización secundaria das mulleres en situación de violencia machista e a articulación de actuacións que "salvagarden a súa intimidade" á hora de acceder a diferentes recursos e servizos que poñen a disposición as diferentes administracións públicas.


ACHEGAS PARA O PACTO DE ESTADO


No seo do relatorio elaborarase tamén un documento "de consenso" de todos os grupos para levar "unha posición única e conxunta" á Comisión Xeral das Comunidades que se reunirán no Senado, por mor da decisión adoptada na Conferencia de Presidentes, co fin de que as achegas galegas se incorporen "ao pacto de Estado" contra a violencia machista.


A popular Paula Prado defendera na pasada xornada unha emenda de substitución neste sentido e a socialista María Luisa Pierres un texto que modificaba o presentado polo BNG con outras achegas, mentres que Paula Quinteiro (En Marea) mostrouse favorable a aprobar de inmediato un pacto galego contra a violencia machista asumindo a iniciativa do Bloque. Finalmente, houbo acordo e será o relatorio o que aborde a promoción deste pacto.


PREVENCIÓN NAS AULAS


Por outra banda, tamén na sesión plenaria e en resposta a unha interpelación formulada pola deputada de En Marea Luca Chao, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que "no ámbito do servizo público educativo" de Galicia "trabállase a un bo ritmo" na prevención da violencia de xénero e o fomento da igualdade. "Os datos están encima da mesa", sinalou.


Neste sentido, tras considerar necesario ter unha "visión integral" desta "problemática social", Román Rodríguez lembrou que hai poucos meses a Xunta puxo en marcha o primeiro plan de actuación para a igualdade nos centros educativos co horizonte 2020 co obxectivo de lograr unha "sociedade máis xusta, máis igualitaria" a través da educación dos nenos.


Esta iniciativa, segundo indicou, inclúe accións específicas orientadas a que "os alumnos, pero tamén o profesorado se involucren e teñan constancia e coñecemento de que é necesario loitar contra esta secuela" e súmase a unha materia de libre configuración sobre violencia de xénero.


Ademais, sinalou que este plan ten catro puntos "vertebrais" como son "partir de que a igualdade de xénero é un coñecemento transversal", a necesidade de "construír unha sociedade máis igualitaria", o obxectivo de lograr "a violencia cero nas aulas e fóra delas", así como "educar na integración plena de todas as persoas con independencia da súa identidade afectivo sexual".


Pola súa banda, a deputada de En Marea considerou que "pese ao esforzo" o sistema educativo "non é alleo" a un modelo "no que o machismo o impregna todo" e lembrou que "hai moitos mozos" nas escolas que "xa causan violencia de xénero" e así como moitas alumnas que "xa son vítimas".

relacionada A policía autonómica precisa 50 axentes máis para estar "plenamente operativa"
relacionada Denuncian o uso de patrullas de seguridade cidadá para denuncias de violencia machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress