Unha de cada tres solicitudes de protección contra o machismo é denegada
Galicia é a terceira comunidade que menos ordes de protección concede a vítimas de violencia de xénero.
País Vasco é a comunidade autónoma onde porcentualmente se denegaron máis ordes de protección por violencia de xénero en 2016, chegando ao 49,9 por cento das solicitadas (un total de 328 negativas). Séguelle Cataluña, que rexeitou un 32,1 por cento e Galicia, cun 28,1 por cento.
A Rioxa, Castela e León, Melilla, Madrid e Canarias son, por esta orde, as seguintes no ránking, superando todas elas o 20 por cento de solicitudes denegadas.
Estes son os datos que se desprenden dunha resposta escrita do Goberno a unha pregunta realizada polo secretario xeral do PSOE no Congreso, Miguel Ángel Heredia, sobre as cifras destas solicitudes por autonomías entre os anos 2011 e 2016. Na súa resposta, á que tivo acceso Europa Press, o Executivo fala de 17.827 ordes de protección solicitadas o pasado ano, detallando as que estaban en vigor a data do 15 de novembro do ano pasado.
CEUTA ACEPTOU TODAS AS SOLICITUDES
No lado oposto da lista atópase Ceuta, que aceptou as 38 peticións que recibiu durante 2016, seguido de Aragón, que só denegou un 9,1 por cento, Murcia (9,5%), Estremadura (10,1%) e Baleares (10,8%).
Por número de solicitudes, Andalucía é a que máis peticións rexistrou en 2016, cun total de 2.840, das que se concederon 2.318.
Por encima de dúas mil peticións aparecen tamén Cataluña, con 2.741 tramitadas e 1.861 aceptadas; Madrid con 2.274 solicitudes, das que se aprobaron 1.789; e a Comunidade Valenciana, con 2.077 solicitudes e 1.729 aceptadas.
Estas catro comunidades, que son as máis poboadas de España, xestionaron o 55,7 por cento das solicitudes de protección computadas polo Goberno na súa resposta parlamentaria.
Escribe o teu comentario