Campaña intensiva de vixilancia e control de camións e furgonetas en Galicia
Os controis realizaranse desde o luns 13 ao domingo 17 de febreiro | A mala colocación da carga nestes vehículos é a culpable de moitas saídas de vía.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde o luns 13, e ata o vindeiro domingo día 17 de febreiro, unha campaña intensiva de vixilancia e control de camións e furgonetas.
Está enmarcada na programación anual de campañas e operacións especiais que leva a cabo a DXT. O obxectivo prioritario é mellorar a seguridade viaria e concienciar aos usuarios deste tipo de vehículos sobre a importancia de manter comportamentos seguros.
Durante sete días, ata o vindeiro domingo día 17, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizarán inspeccións en camións e furgonetas, unha frota que en Galicia alcanzaba as 247.269 unidades ao peche de 2016.
Para a intensificación destes controis tamén se convidou a participar ás Policías Locais dos concellos. Os axentes farán especial incidencia en verificar aspectos como as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo, o seu peso, o acondicionamento da carga, o estado dos pneumáticos ou o adecuado funcionamento da iluminación.
Realizarán ademais verificacións de carácter administrativo, examinando a documentación do vehículo e o permiso dos condutores; comprobarán os tempos de condución e descanso, así como o consumo de alcol; tamén vixiarán a velocidade e o mantemento da distancia de seguridade.
CARGA
A condución deste tipo de vehículos non é igual que a dun turismo, o seu comportamento dinámico é diferente, sobre todo se levan carga. A suxeición da mesma é vital, pois calquera desprazamento incide sobre a estabilidade do vehículo por variación do centro de gravidade. Precisamente, a excesiva ou mala colocación da carga está detrás da alta incidencia de saídas de vía e emborcamentos neste tipo de vehículos.
O risco na condución de camións e furgonetas é maior que en turismos, debido á carga que transportan e a un menor equipamento de seguridade activa e pasiva. Ademais, a sensación de seguridade que experimenta o condutor, a menor velocidade e a elevación da cabina, leva a que o número de distraccións sexa maior e o uso de cinto sexa menor.
ACCIDENTALIDADE EN ZONA URBANA
Este tipo de transporte ten implícito un maior risco para ocupantes doutros vehículos e peóns, especialmente en zona urbana.
Así, en 2015, dos 483 falecidos en accidentes de tráfico, en toda España, nos que estiveron implicados camións ou furgonetas o 68,53% dos mortos eran ocupantes doutros vehículos ou peóns, unha porcentaxe que alcanza o 87,65% en zona urbana.
CAMPAÑA ANTERIOR EN GALICIA
Na última campaña específica de vixilancia e control de camións e furgonetas en Galicia, desenvolvida do 15 ao 21 de febreiro de 2016, controláronse 3.763 vehículos, e formuláronse 425 denuncias.
As denuncias que máis se repetiron foron as referidas a infraccións relacionadas con exceso de velocidade; non facer uso do cinto de seguridade; alcol e drogas e por non ter a ITV en regra.
Escribe o teu comentario