O Dépor non pode "legalmente" ocuparse das obras na cuberta de Riazor
O alcalde herculino non ve viable a proposta do club. O Concello reparará a cuberta nunhas zonas e substituiraa noutras.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, non ve viable "legalmente" que o Deportivo poida xestionar as obras da cuberta do estadio de Riazor, como expuxeron desde o club asumindo o custo o Consistorio.
A preguntas dos xornalistas, sinalou que "a todos", en alusión ao goberno local e ao club coruñés, "interésanos buscar unha solución", engadiu sobre os danos causados polo temporal na cuberta.
Respecto diso, volveu sinalar que en outubro xa se lle explicou á dirección os motivos polos que Dragados non levou a cabo a obra. "Podiámonos empantanar nunha inexecución e nun preito xudicial", expuxo tras considerar a empresa que o custo da obra era maior.
Mentres, reiterou que a proposta do Concello pasa por unha reparación da cuberta nunhas zonas e pola substitución da mesma noutras. Ademais, insistiu en que se fixaría un contrato de mantemento.
Escribe o teu comentario