Este fin de semana, de novo, os Congresos serán unha parte importante do mundo informativo nacional. Referímonos ao de PP e Podemos: a cara e a cruz das ideoloxías políticas que coinciden, só, nas datas dos seus congresos. Son dous modelos distintos da política española que durante estes días van debater os seus relatorios para, teoricamente, aplicalos á vida "real" da cidadanía. Pero non nos enganemos, o que está o xogo, en ambos os casos, é quen vai a seguir, ou non, mantendo o control do partido ou o que é o mesmo, o poder.
No caso do PP, a incógnita, a priori, é a continuidade na secretaría xeral de María Dolores de Cospedal, pero parece que, coñecendo a Mariano Rajoy sobre o seu inmobilismo, a flamante ministra de Defensa seguirá sendo a responsable do partido despois de solucionar da mellor maneira posible o desagradable e complexo caso do Yak-42. Iso si, cun coordinador ao seu lado para que vaia executando as súas "ordes". Fálase de Martinez Maíllo pero pode haber sorpresas. As baixas no comité executivo serán poucas e 'á forza' como a de Federico Trillo por razóns obvias.
Os argumentos ideolóxicos, reflectidos nas cinco relatorios a debater, son de perfil baixo, con ordes expresas de non discrepancias públicas, senón de consenso. Por iso, os temas sensibles como o aborto, a xestión subrogada ou a custodia compartida poden pasar a mellor vida para tranquilizar ao sector máis "clásico" do partido ao que este temas lle dan alerxia. O señor de Pontevedra, como lle gustan que lle chamen, declarou en máis dunha ocasión que "eu sigo sendo un conservador de dereitas e de provincias". Así que, salvo sorpresas, tranquilidade, consenso e votación alta para Rajoy no que pode ser o seu último congreso como presidente do PP.
A cruz da moeda, o congreso de Podemos, onde o protagonismo persoal de Pablo Iglesias e Iñigo Errejón marcou estes tempos precongresuais, cunha violencia propia da súa "mocidade". A discusión non é polo modelo ideolóxico, non. É tan sinxelo como a vida mesma dos partidos chamados "tradicionais" que eles tanto critican: o control do partido, sen importarlles nada máis. A falta de experiencia política, unha pésima organización interna, o descontento das bases e máis dun dirixente territorial van facer que o punto de mira informativo estea enfocado en Vistalegre, onde o futuro de Podemos pode estar en xogo.
A foto de novembro do 2014 dos 'cinco de Vistalegre', como eran coñecidos -Pablo Iglesias, Íñigo Errejón, Juan Carlos Monedero, Carolina Bescansa e Luís Alegre por ser os fundadores do partido-, partiuse en anacos en só dous anos. Agora ese grupo homoxéneo saltou polos aires e a confrontación de Iglesias e Errejón xa ninguén a discute. O único certo agora é que, sexa o que sexa o resultado final deste congreso, xa nada será igual en Podemos e moitas ilusións de cidadáns de a pé que volveran a crer nos "políticos" atípicos fóronse polos desaugadoiros.
Os ollos e os intereses dalgúns poderosos estarán postos no fracaso que poida supoñer o encontro de Vistalegre, que ninguén o esqueza.
Como dicía Lenin: "salvo o poder, todo é ilusión".
Escribe o teu comentario