O Dépor pecha xaneiro sen conseguir ningunha vitoria
(3-1). O Eibar foi o máis beneficiado nun partido de ida e volta onde os coruñeses se viron noqueados no primeiro cuarto de hora.
O Dépor volve coas mans baleiras. //Foto: RC Deportivo
Dura derrota do Dépor en Ipurúa, onde viaxaron para colleitar a que podía ser a primeira vitoria deste 2017. O Eibar adiantouse nada máis comezar o partido e terminou endosando un 3-1, beneficiado por un partido de ida e volta con pouco acerto dos atacantes branquiazuis.
O Dépor pagou caro ante o Eibar o deixamento co que empezaron. Desde o comezo do partido, o equipo armeiro saíu a por todas e ao cuarto de hora tiña un 2-0 a favor. Entrou mellor no partido, dominando en intensidade e ocasións.
Cando parecían noqueados os deportivistas, conseguiron levantarse e plantar cara en Ipurúa. Antes do minuto 20 Emre Çolak enviou ao fondo da rede un cabezazo a centro de Carles Gil que achegou posicións.
O resto da primeira metade foi un continuo de idas e vindas. Un duelo cun ritmo altísimo sen apenas interrupcións nin faltas e con ocasións constantes para ambos os conxuntos. O romanés Florin Andone, o mellor dos branquiazuis na loita polo empate.
Tras a continuación viuse un Dépor máis perigoso e un Eibar algo encerrado. O paso adiante deportivista non conseguiu, iso si, finalización. De aí as protestas de xogadores, banco e afección reclamando penalti nunha acción na que Emre Çolak quedou derrubado na área, pero que o árbitro non sinalou.
O asedio do Dépor durou boa parte da segunda metade, con ocasións máis illadas do Eibar, menos activo que nos primeiros 45 minutos. Pero cando parecía máis preto o empate, o equipo armeiro puxo máis vantaxe no marcador nun descoido monumental da defensa que deixou a Lejeune marcar o 3-1 a porta baleira.
Baleiro quedou o equipo herculino tras encaixar o terceiro, a un cuarto de hora do final. Sen ideas e desconectado do partido foi incapaz de inclinar o campo ao seu favor e xerar ocasións, a pesar das boas sensacións que deixou Kakuta na media hora que xogou.
Escribe o teu comentario