Raquel e Tere, primeiras xogadoras cun contrato profesional no Dépor
Forma parte da aposta por "converter este proxecto nunha referencia no fútbol galego e español". No masculino, Borja Valle marcha ao Elche.
Raquel e Tere, co presidente. //Fonte: RC Deportivo.
O Real Club Deportivo fai de novo historia no fútbol galego ao converterse no primeiro club de fútbol da comunidade que fai fichas profesionais ás súas xogadoras. As dúas primeiras futbolistas en asinar o seu contrato profesional son Raquel e Tere, que rubricaron a súa nova relación contractual na sede do Deportivo co presidente Tino Fernández.
Tal e como sostén o cllub, a firma dos dous primeiros contratos profesionais a dúas xogadoras galegas do Dépor Abanca é "unha nova mostra da firme aposta do Real Club Deportivo polo deporte feminino e por converter este proxecto nunha referencia no fútbol galego e español".
Raquel Béjar Castro (As Pontes, 30 de xaneiro de 1998), xoga de defensa central e anteriormente defendía as cores do Orzán. É ademais xogadora das seleccións galegas de base. Teresa Abelleira Dueñas (Pontevedra, 10 de febreiro de 2000), xoga de mediocentro e incorporouse este verán ao Deportivo Abanca procedente do Lérez. É ademais internacional nas categorías inferiores da selección española.
BORJA VALLE XA ESTÁ NO ELCHE
No cadro masculino chegou o acordo para que Borja Valle xogue cedido no Elche o que resta de tempada, segundo pactaron ambos os dous clubs.
O futbolista berciano xa se atopa na cidade alacantina. Os Servizos Médicos do RC Deportivo xa están en contacto cos do Elche CF para o tratamento de recuperación da lesión muscular que Borja Valle sofre no cuádriceps dereito. O Real Club Deportivo "quere desexar a Borja os maiores éxitos nesta nova etapa profesional".
Escribe o teu comentario