Non parece que os europeo sexamos suficientemente conscientes dos riscos que estamos a correr coa guerra en Ucraína. Unha guerra da que os principais responsables, convén subliñalo unha vez máis, son Putin e os seus compañeiros do Kremlin, que están a cometer un crime de guerra, atentando contra o dereito internacional e desprezando a Carta das Nacións Unidas. Un crime que se pode comparar aos que, por caso, cometeron Estados Unidos coa guerra de Vietnam, Estados Unidos e Gran Bretaña coa invasión de Iraq e Alemaña e Rusia coa invasión de Polonia ('Un crime de Guerra').
Riscos que derivan tanto da marcha na guerra (a resistencia do pobo ucraíno está a ser máis forte do que esperaban os dirixentes rusos) canto das posicións que veñen adoptando países como Estados Unidos, quen á vez que asume cada vez máis o papel de "vixía de occidente", parece non estar moi interesado por unha pronta e pacífica resolución do conflito. Realmente cando se escoita ao señor Biden a un éntranlle moi serias dúbidas sobre cales son as súas auténticas prioridades, se poñer fin á guerra ou debilitar a Rusia e de rebote a súa alianza con China. De ser isto último estariamos diante dun xogo moi perigoso, porque ademais de supeditar o futuro do pobo ucraíno aos intereses geoestratégicos dos Estados Unidos, esta táctica pode levar a que un conflito agora localizado en Ucraína amplíese e estenda a outros estados veciños creando unha situación de máxima gravidade en Europa e, de rebote, no mundo.
Un xogo moi perigoso porque alimenta en occidente un sentimento militarista e anti ruso que en nada favorece a Europa quen nesta guerra, que se produce no seu territorio, está a ceder protagonismo a favor da OTAN, unha alianza que estaba en claro declive. Unha organización militar que coa súa acentuada agresividade está a conseguir tanto que os gobernos europeos acedan a incrementar o gasto militar en detrimento do gasto social como en darlle argumentos a Putin e os seus compañeiros para seguir coa súa ofensiva en Ucraína e para intensificar a persecución da disidencia interior. Unha agresividade que, por caso, non parece axudar, senón todo o contrario, a procurar un final feliz das negociacións en curso entre Ucraína e Rusia tal que consigan finalizar coa guerra.
Unha guerra cuxa prolongación supoñería non só deixar a Ucraína en ruínas, senón incrementar exponencialmente os riscos dunha guerra nuclear cuxas consecuencias son imprevisibles. Non se debería esquecer de ningunha maneira o arsenal nuclear de Rusia, que os seus dirixentes ameazaron con utilizar de sentirse acurralados, nin tampouco desprezar o risco de que, tal e como sinalaba antes, unha prolongación do conflito finalice ampliándoo a outros estados de Europa do leste porque, ao ser membros da OTAN, tal cousa supoñería a entrada desta na guerra.
Algo que, como moi ben veñen de declarar un grupo relevante de cidadáns do mundo, sería terrible por que se "a invasión de Ucraína creou un desastre humanitario para o seu pobo" tamén fixo que "o mundo enteiro enfrontásese á maior ameaza da historia: unha guerra nuclear a gran escala, capaz de destruír a nosa civilización...".
Escribe o teu comentario