Un crime de guerra

Manoel Barbeitos
Economista

As asociacións de axuda humanitaria máis serias, como por caso ACNUR e UNICEF, infórmannos de que desde que empezou a invasión militar de Ucraína por Rusia máis dun millón e medio de ucraínos e ucraínas, dos que a metade son nenos, fuxiron do seu país por medo á guerra. Velaí os "efectos colaterais" da guerra, aos que habería que sumar, segundo a ONU, máis de 350 civís mortos e 760 feridos. Unha guerra que pon de novo en evidencia como as grandes potencias sáltanse os acordos internacionais cando e como queren.


Logo da terrible experiencia da II Guerra Mundial asináronse unha serie de acordos internacionais que tiñan como un dos seus obxectivos principais evitar as guerras e garantir a paz. Acordos cuxos principios e fins están, por caso, codificados na Carta das Nacións Unidas, na Convención de Xenebra e nos Principios de Núremberg. Dado que Rusia é un dos cinco membros permanentes da ONU era licito esperar que daría exemplo no cumprimento das medidas que garantan eses fins. Non é o caso, pero ben é certo que non se trata da única potencia que as incumpre sistematicamente: Estados Unidos fai o mesmo.


O 26 de xuño de 1945, practicamente dous meses antes de que finalizará a Segunda Guerra Mundial, representantes de 50 países asistentes á Conferencia das Nacións Unidas asinaban a Carta das Nacións Unidas (ONU), que ten como obxectivos "manter a paz e a seguridade internacionais, e ,con tal fin, tomar medidas colectivas eficaces para previr e eliminar ameazas á paz e para suprimir actos de agresión ou outros quebrantamentos da paz, e lograr por medios pacíficos e de conformidade cos principios de xustiza e de dereito internacional o axuste ou arranxo de controversias ou situacións internacionais susceptibles de conducir ao quebrantamento da paz". A Carta prohibe a ameaza ou o uso da forza sen que sexa autorizada polo Consello de Seguridade, agás que sexa en defensa propia ou contra un ataque armado, pero, nestes casos, só ata que actúe o Consello de Seguridade (Capítulo VII: Acción no caso de ameazas á paz, quebrantamentos da pacto ou actos de agresión). Resulta indiscutible que coa invasión militar de Ucraína o goberno ruso incumpre este mandato da Carta das Nacións Unidas e viola o dereito internacional. Incumpre un mandato e viola un dereito que Rusia tamén aprobou no seu día.


Por se isto non fose suficiente, o goberno ruso, principalmente cos seus bombardeos que obrigan a fuxir a poboación civil, está incumprindoos Convenios de Xenebra de 1949 e os seus Protocolos adicionais que conteñen as principais normas destinadas a limitar a barbarie da guerra e a protexer a poboación civil. Normas que son consideradas a pedra angular do dereito internacional humanitario.


Neste percorrido polo dereito internacional convén facer referencia aos Principios de Núremberg que forman un conxunto de directrices que serven para determinar que constitúe un crime de guerra contra a humanidade e contra a paz e que foron elaborados pola Comisión de Dereito Internacional das Nacións Unidas. Por caso, o Principio VI establece que ".... son castigables como crimes baixo leis internacionais...A) Guerra de Agresión: (i) A planificación, preparación, iniciación ou comezo dunha guerra de agresión ou unha guerra que viole os tratados internacionais, acordos ou promesas".


Logo deste pequeno percorrido polo dereito internacional aos lectores deste artigo deberanlle quedar poucas dúbidas que coa súa invasión de Ucraína, o goberno ruso viola o dereito internacional e comete un crime de guerra.


Se pasamos do dereito internacional á visión política e humana tampouco hai dúbidas de que, como vén de declarar a prensa internacional o meu admirado Noam Chomsky, "a invasión rusa de Ucraína é ungrave crime de guerra comparable á invasión estadounidense de Iraq e a invasión de Polonia por parte de Hitler-Stalin en setembro de 1939 por poñer só dous exemplos relevantes. É razoable buscar explicacións, pero non hai ningunha xustificación nin atenuante".


É razoable pensar que Occidente quizais non fixo todo o que podía para evitala guerra, pero iso nin xustifica nin atenúa o que é un crime de guerra.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE