Galicia profunda; España superficial

Rodrigo Brión Insua

“Probe Galicia, non debes chamarte nunca española”. Máis dun século e medio sepárannos deses versos de Rosalía de Castro, unha das plumas máis brillantes do S.XIX en toda a literatura galega e nacional. Non cambiamos tanto. En pleno 2021, a moitos, a aqueles valentes que se atreven a cruzar Pedrafita, fronteira natural entre España e o inframundo, parece causarlles estupor saber que en Galicia utilizamos coches para desprazarnos e non carros tirados por bois, que vestimos Nike Air Force 1 último modelo no canto de ir descalzos e que imos ao supermercado para comprar leite e galletas en lugar de perseguir feras a campo aberto como medio de vida e celebrar a caza con bailes rituais na entrada dunha caverna á calor do lume. Porque a Galicia, mesmo á Galicia profunda, chegou o S.XXI, a diferenza da mente dalgunhas personalidades da xudicatura e a política nacional.


Porque si, señoría, a Galicia chegou internet. Confírmollo desde un computador portatil e grazas ao wifi que pago mes a mes relixiosamente e de mala gana. Tamén chegaron, non fai moito e porque choramos, a luz e a auga -non así o AVE, polo que seguimos chorando, ou o fin das peaxes, polos que choramos en cada cabina-. Chegaron para sorte de todos, que doutra forma seguiriamos indo lavar ao río. De feito, seguimos indo lavar ao río, como seguimos cultivando o noso horto para ter pementos e tomates de casa, recollendo leña para acender as nosas cociñas de ferro durante o inverno, traballando os nosos viñedos para encher os barrís ou rastrillando a area cando hai baixamar. E non se nos caen os aneis por iso, aínda que esa forma de vida poida sorprender na Costa do Sol.


A Galicia profunda xa non aguanta máis desprezos da España superficial. Porque toda Galicia é a Galicia profunda para o de fóra, ese que cre que hai unha vaca en cada esquina, que os nenos e nenas están tan adoutrinados que non saben falar castelán, que nos refuxiamos nas nosas casas de lama e palla á noitiña por medo ás meigas e a Santa Compaña... A Galicia profunda só existe na cabeza daqueles aos que Pombal tachaba de “iñorantes, e féridos e duros, imbéciles e escuros”, incapaces de ver que algúns dos artistas, deportistas, científicos, escritores e ata políticos que tanto admiran aínda gardan un lixeiro deixe cantarín ao falar.


A unha Galicia á que non fai tanto acusarona de ter “madrileñofobia” agora acúsana de non ser un ambiente favorable para vivir. Non din o mesmo os nosos datos de turismo, porque ao parecer a imaxe do galego é a dun espécime hospitalario, acolledor e que vive nun paraíso. A do veraneante, en cambio, responde á dun ser egoísta, que se enfada ao ver a carta dos restaurantes en galego, que aparca onde lle dá a gana, que imita con moi pouca graza o noso acento e que cre que a praia é súa. En realidade non. En realidade hai de todo e, como ocorre sempre en Galicia, pois depende. Hai turistas respectuosos e turistas que non saben comportarse, como tamén hai galegos bos e galegos non tan bos. O que non hai é que xeneralizar e falar sen coñecer.


Convido á xuíza María Belén Ureña Caraz, responsable de tan agre polémica, a colgar a toga unha semana e vir a Galicia a coñecer aos dous tipos de galegos e que comprobe que, se os espimos, poden chegar a ser practicamente indistinguibles do marbellí medio. E xa de paso, que descubra a nosa gastronomía, a nosa literatura, a nosa arte, a nosa natureza, os nosos costumes... Que vaia desde a bravura da Praia das Catedrais á desembocadura da Fervenza do Ézaro, que deambule entre os hórreos de Combarro ou sobre a muralla de Lugo, que se asome a un cantil na Costa da Morte ou se tombe na area das Illas Cíes, que levante a cabeza para ver a Torre de Hércules e mantéñaa ben alta para ver a Catedral de Santiago, que salte nas fogueiras de San Xoan ou corra cos peliqueiros. Do alto do Monte do Gozo ás profundidades da Ría de Arousa. Das Fragas do Eume aos balcóns da Ribeira Sacra. De Ribadeo á Guarda. De arriba a abaixo. De leste a oeste. De Muros a Marbella. Da Terra á Luna, onde tamén hai galegos. Porque ti vives non mundo, Galicia, terra miña, doce magoa dás Españas. E non debes chamarte nunca española cando eres, ai! tan hermosa.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE