As malas lecturas políticas

Manoel Barbeitos
Economista

As malas lecturas políticas levan sempre a fracasos políticos. En Galicia e en Cataluña temos numerosos exemplos que confirman esta afirmación tan contundente como sucede actualmente con sectores tanto do soberanismo catalán como galego (non sucede o mesmo no campo do soberanismo vasco, moi especialmente no PNV) que veñen facendo malas lecturas políticas sen que parezan querer rectificar.


Malas lecturas políticas que derivan da súa teima a non querer aceptar que o actual escenario político español non é o mesmo que, por caso, o anterior á moción de censura (2018). Que o goberno español de quenda (PSOE/UP) non se parece en nada ao goberno precedente (PP) senón que, con toda seguridade, sexa o goberno da democracia menos belixerante co soberanismo. Estas lecturas levan a que, por caso, en Galicia a Ana Pontón páselle como a Penélope, que cosía o manto polo día ("ampliar a base social") pero que era descosido (neste caso non por ela, senón por outros) pola noite. O mesmo parece que lle está a suceder a Pere Aragonés e os seus compañeiros de ERC, que o que eles constrúen (mesa de diálogo Goberno español-Govern de Cataluña) outros (JxCat, CUP) tratan de destruír.


Se en Cataluña os efectos negativos destas malas lecturas parecen evidentes, como por caso reflíctese na importante perda de apoios por parte do soberanismo (640.000 votos entre as eleccións de 2017 e 2021), tanto por cansazo do seu electorado  como polo crecer doutras forzas por caso o PSC (que foi a forza máis votada nas últimas eleccións) e VOX, quen apareceu no escenario catalán por primeira vez. En Galicia pode pasar, atreveríame a aseguralo, que o gran impulso que recibiu o BNG nas últimas eleccións autonómicas sufra un importante revés nas próximas citas electorais se a señora Ana Pontón e o seu grupo non son quen de sacar adiante as súas teses políticas.


No calendario político español aparecen agora por diante varios asuntos moi importantes que poñerán en evidencia as lecturas políticas que fai o soberanismo galego. Estou a referirme aos Orzamentos Públicos para 2022 e ao Financiamento autonómico. No primeiro caso parece cada vez máis probable que o goberno español de quenda (PSOE/UP) consiga de novo os apoios que tivo nos Orzamentos do 2021, polo que poderá sacalos adiante. Neste marco, que decisión tomará o BNG? Seguirá coa súa teima de que este goberno español prexudica a Galicia? De que PSOE e PP "a mesma merda é"? Tendo en conta que a súa presenza no Parlamento español é mínima (1 deputado), será consciente de que, entre o electorado galego, aparecer no mesmo lado do escenario que PP, Cs e Vox réstalle máis que súmalle apoios? Máis aínda, que seguir nesa postura está a abrirlle a posibilidade a Unidas Podemos (UP) de recuperar parte dos votos perdidos en Galicia? En política con frecuencia un tímido acordo é mellor que un desacordo entre outras razóns porque fai que sexa máis viable avanzar con novos e mellores acordos. O escenario político español está, neste momento, moi polarizado entre as dereitas e as esquerdas polo que, por moito que se tente evitar, se non estás nunha beira estás na outra, algo que parecen ter moi claro a maioría das forzas soberanistas (PNV,  Bildu, ERC, Compromis, Máis Madrid, Teruel Existe...).


En relación ao financiamento autonómico defender para Galicia o mesmo sistema que para o País Vasco -a cota- é un importante erro tanto porque as balanzas fiscais son totalmente contrarias -o que afecta ao chamado índice de imputación- canto Galicia non está, neste momento, en condicións de recadar os seus propios tributos. Se os seguidismos en política poden ser malos cando as realidades son diferentes tampouco é certo que se gañe máis soberanía con ese sistema. O soberanismo galego debe fuxir da batalla política que tanto por parte do PP como por sectores do PSOE enfrontados a Sánchez tentarán de montar co goberno español utilizando como arma o financiamento autonómico. Non debería perder de vista que un dos presidentes aliñados nese bando (A. Núñez Feijóo) é o mesmo que se nega contumazmente a avanzar na negociación das transferencias recoñecidas polo Estatuto de Autonomía que supoñerían avances na soberanía. Non deberían darlle máis bazas ao populismo galego (PPdeG).


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE