O fracaso de Occidente en Afganistán

Carmen P. Flores

Estes días segue sendo noticia Afganistán: varios atentados no aeroporto e o hotel, e a evacuación dos estranxeiros e do persoal que traballaron como tradutores para os distintos países. Todo isto sucedeu nun dicir amén. É como un mal soño do que nos gustaría espertar, pero é a triste realidade e contra iso hai que seguir loitando.


O sucedido neste país sen dúbida foi o gran fracaso de Occidente, que non soubo ou non quixeron darse conta do que estaba a piques de suceder e das consecuencias que isto vai supoñer para a súa poboación, pero tamén para a xeopolítica da zona. Os talibán fixéronse co control - será un descontrol, verémolo- do país e iso levouse a cabo diante de todos os países que tiveron militares alí durante 20 anos, especialmente os EEUU e tamén os seus servizos secretos. Como é posible que non fixesen nada para previlo? É a pregunta que se fan moitas persoas e seguro que hai unha resposta que ninguén deu aínda.



EuropaPress 3903783 29 august 2021 united kingdom carterton uk military personnel depart flight

Avión de EE UU no Aeroporto de Cabul @ep


Afganistán estaba xa sentenciado cando se produciu o anuncio de Trump da retirada de tropas. Esta decisión tomouse dentro do pacto de Bonn, que marcou a folla de roteiro dos anos seguintes: unha proposta de réxime baseado nun sistema presidencialista centralizado, cuxa estrutura sería dominada pola antiga Alianza do Norte e, como non, cunha dependencia dos vellos señores da guerra rexionais que, lembremos, foron impulsados e financiados por EEUU e agora andan ás súas anchas


Este mes de setembro, cando saísen xa todas as tropas estranxeiras do país, constituirase o novo goberno dos talibán que algúns cren que incorporá a outros grupos -os extremistas?-, para instaurar un réxime de represión como se está comprobando, e que tanto EEUU como a Unión Europea non recoñeceron á espera da evolución da situación.


O escenario é moi complicado e os especialistas pregúntanse se este país entrou nunha nova etapa de conflitos, que se prevé longa para desesperación da poboación que sente abandonada aos caprichos dos talibán. O sistema financeiro está colapsado e a cidadanía pide que se abran os bancos para dispoñer de diñeiro. Ademais do desastre humanitario atópanse sumidos na pandemia do covid, e se isto non fose suficiente padecen tamén unha seca devastadora. Todo un complexo de desgrazas comparadas coas pragas de Exipto. Será capaz o novo goberno de atallar algúns destes problemas? Mentres as súas prioridades sexan implantar medidas represivas contra as mulleres e nenos e antepóñase a relixión ás persoas, non parece que iso vaia a suceder.


Os recursos dos talibán veñen, ata o de agora, do cultivo e a explotación do opio -son responsables do 80% da produción mundial-, a extracción do talco, máis das “subvencións” dalgúns países amigos. Mentres que o país vive das axudas internacionais que agora quedarán cortadas. Alemaña xa anunciou a suspensión do envío de 300 millóns de dólares e o Fondo Monetario Internacional conxelou 680 millóns de reserva de emerxencias. EEUU foi o país que máis diñeiro achegou ao longo de todos estes anos, con cifras que superan os 20.000 millóns de dólares. EEUU e a OTAN prometeran 4.000 millóns de dólares anuais ata o 2024 que dependen da actitude que adopte o goberno dos dos talibán e que é posible que non cheguen .


O panorama segue sendo complicado e máis aínda o futuro do país e sobre todo o das persoas que cuxas vidas perigan os mesmo que as liberdades que foron aniquiladas, en pleno século XXI. Vai quedar coas mans cruzadas o Occidente democrático e solidario? Rectificar non é malo cando está en xogo a vida de tantas persoas e o perigo na zona destes sanguinarios.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE