Como estar entre os máis listos da clase

Manoel Barbeitos
Economista

Teño poucas dúbidas de que se se fai un balance político obxectivo dos distintos partidos democráticos no estado español, os nacionalistas vascos, máis en concreto o PNV, aparecen como "uns dos mais listos da clase". Os argumentos a favor desta afirmación son contundentes.


A día de hoxe a, CAV (Comunidade Autónoma Vasca), Euskadi, aparece como unha das comunidades europeas con maior grao de soberanía política. Un lugar de privilexio conseguido grazas, moi especialmente, á habilidade e intelixencia políticas dos nacionalistas vascos. Un colectivo político que, sen abandonar o seu obxectivo estratéxico da independencia de Euskadi, foi quen de ir modulando as súas reivindicacións soberanistas en función da correlación de forzas que en cada momento se daba tanto no País Vasco como, moi especialmente, en España.


Así, por caso, soubo entender no seu día que os plans independentistas de Ibarretxe (2001-2005) eran inviables, que os levaban a unha rúa sen saída, tanto polo seu carácter unilateral como polo contexto histórico e político en que se producían. Un fracaso, como sería posteriormente o procés, que tamén lle serviu ao PNV para volver ao seu lugar natural e proseguir pola senda do diálogo e a negociación que tan bos resultados habíalles vindo dando. E séguelle dando: desde a constitución do primeiro goberno vasco (1980) a Presidencia do mesmo, excepto un cort período (2009-2012), estivo sempre en mans dos nacionalistas vascos (Garaikoetxea, Ardanza, Ibarretxe e Urkullu) que, transferencia a transferencia, van ampliando a soberanía do País Vasco.


Cambiando de terzo, en días pasados e no marco dunha conversación telemática sobre Dereitos, liberdades e democracia, a señora Pontón, portavoz nacional do BNG e o señor Rufián, portavoz de ERC no Congreso dos deputados, fixeron unhas declaracións que dan pé a pensar que algo está a cambiar no soberanismo galego e catalán. Ambos os dirixentes afirmaron apostar polo diálogo fronte á espiral da fila de Colón e crer que os indultos son necesarios e positivos para retornar a vía política no conflito de Catalunya e saír do bucle xudicial. Aínda que no marco en que se fixeron estas declaracións non caben moitas interpretacións, a aposta polo diálogo e a negociación aparece clara.


Posteriormente, o propio Gabriel Rufián, agora con motivo da presentación do seu libro O 15M facha, remachaba nesta liña estratéxica e ademais de reivindicar o 15M, feito moi significativo, dicía que "como republicano de esquerdas e demócrata, eu nunca me vou a instalar no canto peor mellor. Iso é moi perigoso, moi reaccionario e moi antidemocrático". Vindo do campo de soberanismo, cun goberno español de esquerdas e unhas dereitas na oposición que parecen tiradas ao monte, estas manifestacións resultan oportunas. Parten da acertada visión de que no actual escenario político español "o cambio de posición é claro. Falamos dun presidente que hai dous anos ameazaba con ir cos GEO a Waterloo a deter a Puigdemont, e agora ábrese a outras cousas. O paradigma cambiou, e hoxe o Estado ten que pactar co independentismo de esquerdas catalán, vasco e galego". Quizais lle faltou engadir que para que o goberno español poida pactar cos soberanistas é imprescindible que estes queiran pactar con aquel.


Para finalizar, recoller máis declaracións do señor Rufián que tamén son moi interesantes se temos en conta anteriores posicións do soberanismo catalán. "A esquerda vai gañar o futuro por...ondas de esperanza e non por nacionalismo. Hai que encher a bandeira de contido, a bandeira que sexa. A xente non come bandeiras, nin as bandeiras curan unha doenza... Hai xente que nos emocionamos cunha bandeira ou cun himno, pero hai unha chea a quen eses símbolos non lle emocionan. E o que estamos obrigados é a falar daquilo que comparten a inmensa maioría dos nosos pobos, que é a loita contra a miseria, contra a exclusión, contra a precariedade, polo feminismo, contra o cambio climático, que deben ser nosas causas", as causas do soberanismo político.


Non me cabe a menor dúbida de que a combinación dunha estratexia de esquerdas, como a expresada polo portavoz de ERC, cunha táctica negociadora e dialogante como a sucesiva polos nacionalistas vascos do PNV, permitiría hoxe que o soberanismo galego tivese un maior protagonismo político tanto en España como en Galicia. Trátase de tentar chegar a estar entre "os máis listos da clase" falando daquilo "que comparten a maioría dos nosos pobos".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE