Por que escasean as vacinas

Manoel Barbeitos
Economista

As vacinas salvan vidas. Por caso evitaron a morte 

de máis de 35 millóns de nenos no presente século. A cifra podería ser maior 

se se mellorasen os programas de vacinación.


Cando escribo estas liñas (1 de maio) o ritmo de vacinación está lonxe do prometido polas autoridades sanitarias (segundo a OMS na Unión Europea non chega ao 10% a poboación que recibiu a pauta completa, o que a este ritmo non será ata febreiro do 2023 que se alcanzará o obxectivo do 70%) a pesar de que sabemos que o número de vacinas existentes é de seu bastante elevado (50) e que laboratorios da Unión Europea, Estados Unidos, Rusia, China, India e Cuba están a producilas. Cando tamén sabemos que algúns dos laboratorios recibiron para investigación, desenvolvemento e produción en masa miles de millóns de euros -só a Unión Europea pagou, que se saiba, 2.000 millóns-.


A pesar dese estímulo público, as industrias conservan, co beneplácito dos gobernos, as patentes, o que lles dá un enorme poder tanto para negociar con vantaxe cos gobernos canto para dificultar a produción masiva das vacinas antiCOVID-19. Un poder que, por caso, posibilita inxustificadas e esmesuradas oscilacións nos prezos -entre 1,78 e 15,50 euros/doses- que ven favorecidas polas competencias entre estados que as propias farmacéuticas promoven. Un poder que tamén lles posibilita impoñer cláusulas tan inverosímiis como as de non responsabilidade no caso de que haxa efectos secundarios.


Privilexios que explican por que se estean producindo ritmos de vacinación tan dispares entre estados (se na Unión Europea a porcentaxe de poboación que recibiu a pauta completa é do 9,9%%, nos estados as porcentaxes varían, por caso, desde o 23,5% de Malta e o 20,6% de Hungría ao 3,3% de Bulgaria e 2,4% de Estonia). Uns ritmos de vacinación que, en moitos casos, poñen ao descuberto o estado real duns sistemas sanitarios públicos que vítimas dos axustes tentan cubrir os seus déficits cunha sobreexplotación e moi arriscada exposición do persoal sanitario como, por caso, estamos a ver claramente en Galicia onde a desfeita sanitaria provocada polas políticas públicas do Partido Popular (PP) reduciu considerablemente a capacidade de resposta do sistema fronte a pandemia da COVID-19.


Todo isto sucede, como explicaba en un artigo anterior en leste mesmo medio, grazas aos dereitos de exclusividade que as patentes conceden as industrias farmacéuticas e que parecen estar claramente por encima dos dereitos á vida e á saúde dos cidadáns. Uns privilexios que deixan no aire incógnitas tan importantes como canto tempo e que grao de inmunidade conceden as vacinas utilizadas, que garantías hai de non contaxio e de que non se producirán efectos secundarios. Moito menos sabemos, por caso, cando se garantirá o acceso universal, equitativo e gratuíto como pasa con outras vacinas.


A nivel xeopolítico está situación está a poñer unha vez máis en evidencia a auténtica realidade da Unión Europea. Unha Unión que mentres con man de ferro impón aos seus estados membros políticas de austeridade e rebaixa salarial que deprimen as economías, frean o crecemento económico e disparan o desemprego non é quen de garantir a vida e a saúde dos seus cidadáns por mor de favorecer intereses privados como, por caso, sucede agora coas farmacéuticas e as patentes das vacinas contra a COVID-19.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE