A vacinación dos galegos de entre 65 e 69 pode empezar esta mesma semana, adianta o conselleiro

O conselleiro espera que "a finais de semana ou a semana que vén" arranque a vacinación do colectivo de 65 a 69 anos

|

Os bares terán que esperar por agora a ampliar o seu horario para igualalo aos restaurantes, que xa poden pechar ás 11 horas


A Xunta adopta agora un discurso máis prudente, recoñecendo a tendencia á alza, que Galicia leva soportando xa varias semanas


Comesaña ve factible alcanzar a inmunidade grupal a finais de verán dado que espera que aumente o ritmo de entregas de vacinas


O conselleiro este domingo na Radio Galega

O conselleiro este domingo na Radio Galega nunha imaxe da CRTVG


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, descarta que o próximo comité clínico acorde ampliar o horario dos bares ata igualar o dos restaurantes, que pechan ás 23,00 horas, dada a "tendencia á alza" da situación epidemiolóxica en Galicia.

En unha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, recollida por Europa Press, o titular da carteira sanitaria da Xunta recoñeceu que non se pode "avanzar moi rápido" na desescalada, senón que avoga por ser "prudente" e pensar no "medio prazo".

NON MÁIS HORARIO MENTRES SIGA A alza
Así, a pesar de que ao Goberno galego gustaríalle " que todos os locais de hostalería tivesen o mesmo horario", prefire por agora "ser conservadores" e "estirar esa distancia de horario" entre o peche dos bares --21,00 horas-- e os restaurantes --23,00 horas, con condicionantes como os medidores de CO2--.

"Mentres esta situación non se resolva, no sentido de non crecer ou mesmo que baixe máis (a incidencia), hai que esperar un pouquiño", asentou.

PROBAS PILOTO PARA DISCOTECAS E PUBS
No caso do oucio nocturno, o conselleiro de Sanidade confirmou que o próximo mes faranse probas pilotos en establecementos dun modo "o máis consensuado posible co comité clínico e o sector".

En caso de darse esa reapertura, sería con condicionantes "moi parecidos" aos dos restaurantes, é dicir, con control de acceso, con rexistro de clientes e con revisión da calidade do aire. Iso si, Comesaña advertiu que a suspensión do lecer nocturno estableceuse "por unha orde do Ministerio de Sanidade" do pasado agosto, polo que tamén habería que modificar este texto.


En calquera caso, o titular de Sanidade cualificou a situación epidemiolóxica da Comunidade galega como "de estabilidade" nas últimas semanas, aínda que hai "unha tendencia á alza". Así, mentres despois da Semana Santa a incidencia movíase na contorna dos 77 casos por 100.000 habitantes a 14 días, agora sitúase sobre os 90.

EVOLUCIÓN DA RAZÓN DE TAXAS
Así mesmo, Comesaña destacou que a incidencia a sete días está "ao redor da metade" da de 14, sobre os 44 casos por 100.000 habitantes. "Se aumentase a máis da metade, saltaría a alarma", indicou. 


A propoción entre a incidencia a 14 e a 7 é o que se chama razón de taxas.  Se o dobre da incidencia a sete días é máis que o total da incidencia a catorce, isto implica que a pandemia acelera.  E viceversa, se o dobre da de sete días é menos que a de catorce días, iso implica que a pandemica desacelera. Agora mesmo a semanal é de 45,1 e a bisemanal  de 85,9.  


Por tanto, a pandemia gañou velocidade na última semana, aínda que o conselleiro non mente cando di que a incidencia a sete días (45,1) está "ao redor da metade" da de catorce (42,9), dado que a diferenza non é moita, aínda que si existe. 

SEGUNDA DÓSIS PARA ALGÚNS MAIORES DE 70 ESTA MESMA SEMANA

Sobre a campaña de vacinación contra a covid, o conselleiro afirmou que Galicia avanza a un "ritmo totalmente razoable e mesmo alto de porcentaxe de poboación coa primeira dose" e "coa segunda".

En concreto, dixo que está "case ao 100%" inmunizado o colectivo de maiores de 80 anos --fóra de persoas que non queren poñerse a vacina e outras de zonas máis dispersas-- e "moi avanzado" o grupo de 70 a 79 anos. Sobre este último, confirmou que esta mesma semana arrincará a administración de segundas doses mentres "probablemente algunha área acabe coas primeiras" dos pacientes que queden.

Comesaña tamén asegurou que o Sergas está "a acabar" co grupo de 60 a 65 anos, que recibe o modelo AstraZeneca, polo que "se cadra a finais de semana ou a semana que vén" comezará coa inmunización de persoas de 65 a 69, para os que se prevé empregar doses tanto de AstraZeneca como de Janssen.

FORNEZO DE VACINAS
Para leste mesmo luns, Sanidade prevé recibir --de acordo con datos trasladados desde o Ministerio-- unhas 105.000 vacinas de Pfizer, 14.500 de Moderna, e unhas 6.000 de AstraZeneca, ás que se sumarían "sobre 14.000 de Janssen a metade de semana".

"Con estas vacinas, con distinto ritmo de chegada, temos a previsión de que a semana que vén será unha semana importante", expresou o conselleiro.

De feito, para as próximas semanas, Comesaña prevé "un salto importante" na subministración para principios de xuño, tras o cal virá unha "tendencia crecente ata xullo" que permitirá un maior ritmo de vacinación ata setembro, para cando sitúa a meta do 70 por cento de poboación cuberta.

SEGUNDAS DOSES A MENORES DE 60
Non obstante todo iso, por agora aínda está no aire que ocorrerá coa segunda dose dos menores de 60 anos que no seu momento recibiron a primeira de Astrazeneca. Neste sentido, está en marcha un estudo do Instituto Carlos III con 600 cidadáns para avaliar a posibilidade de completar a inmunización con Pfizer ou Moderna.

"É un ensaio que vemos con bos ollos pero ten o problema de que debe acabar e ter resultados", dixo o titular de Sanidade da Xunta, quen prevé que esta espera podería levar "a pospoñer un pouco a segunda dose de AstraZeneca".

Por agora, aposta por esperar ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do próximo mércores, no que Galicia transmitirá ao Ministerio que hai que decidir "xa".

LEI DE SAÚDE
Durante a entrevista na Radio Galega, o conselleiro de Sanidade tamén manifestou que a Xunta espera "entendemento" co Executivo central nas negociacións do marco do recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei de Saúde. "Pero é certo que os precedentes non nos fan ser optimistas", advertiu.

Neste contexto, Comesaña lembrou que o Tribunal Constitucional "nin sequera viu a lei" aínda, senón que suspendeu algúns dos seus puntos preventivamente --entre eles, o que contempla a vacinación obrigatoria-- tras unha "petición do Goberno".

O conselleiro insistiu en defender que a normativa sanitaria galega "claramente non obriga a vacinar", senón que "prepara" o marco lexislativo para o caso de que unha lei orgánica estatal si o fixese obrigatorio.

É máis, Comesaña espera poder "convencer ao Goberno" no marco do diálogo bilateral de "a conveniencia de que haxa a súa propia lei orgánica" para loitar contra a pandemia.

E é que, coa previsión de que o estado de alarma decaia o próximo 9 de maio, a Xunta pediu reiteradamente "unha reforma" da Lei Orgánica de Saúde Pública de 1986 e, a falta diso, "desenvolveu a súa propia lei". "A partir do 9 de maio non sabemos cales van ser as medidas", afeou o conselleiro.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE