O pasado mércores, 14 de abril, celebrouse o 90 aniversario da proclamación da II República española. Unha efeméride que seguramente ten lugar cando os valores republicanos entre a cidadanía dos pobos de España están mais en alza que nunca na presente democracia.
Aínda que son varios os factores que favorecen este ascenso, seguramente un destaque sobre os demais. Trátase, evidentemente, da crecente deterioración de imaxe da monarquía borbónica que si tivo a súa cenit coa dimisión por corrupción e descrédito do rei emérito, Juan Carlos I, non conseguiu remontar co seu sucesor Felipe VI. Un monarca que no curto espazo de tempo que leva á fronte da Xefatura do Estado aparece máis identificado co pasado que co futuro, incapaz de superar a negativa imaxe que arrastra unha monarquía que "condiciona a democracia...que foi e segue sendo o principal problema da historia constitucional de España" ( J. Pérez Royo).
Non cabe dúbida de que o reinado de Felipe VI, tanto polos discursos e actos do propio monarca como pola estratexia política das dereitas españolas, aparece moi vinculado ás ideas mais conservadoras cando non de extrema dereita. A defensa cernil que tanto o PP como, moi especialmente, como VOX fan da monarquía son un agasallo envelenado para esta, pois fai crecer a desafección e o rexeitamento entre os demócratas. Algo, isto último, o que contribúe o crecente desprestixio, especialmente entre a xente pobre, dunha eirexa católica moi conservadora pero tamén moi afín a monarquía á borbónica. Unha eirexa cada vez mais identificada coa imaxe dunha España atrasada e carca (divorcio, aborto, morte digna, ensino...) que arrastra consigo a unha monarquía que se declara defensora da relixión católica.
Non son alleos ao ascenso dos valores republicanos os importantes cambios que nas últimas décadas están a producirse no escenario político español. Movementos que amplían o horizonte republicano e federal desta nación de nacións que é España. A irrupción con notable forza de UNIDAS PODEMOS, herdeira do movemento do 15-M, tal que xa forma parte do goberno español no que, sen dúbidas, representa a alma republicana así como a importante presenza no Parlamento de forzas soberanistas que tamén son republicanas (PNV, ERC, BILDU, BNG, COMPROMIS..) danlle á política española unha imaxe distinta á que tiña co bipartidismo anterior e claramente mais belixerante cunha monarquía moi identificada cunha visión jacobina de España.
Non se pode menosprezar en absoluto o importante papel que neste cambio de mentalidade está a desempeñar un sector dos medios de comunicación e opinión, maiormente dixitais, cuxa aposta pola republicanismo e o laicismo é indiscutible.
Finalmente, non é posible ignorar o impacto da gran recesión e as políticas públicas austericidas. Nun escenario social e económico de crecente desigualdade, con cada vez máis familias en risco de exclusión, que as clases populares atribúen acertadamente ás políticas públicas que se están aplicando, a imaxe que cos seus actos reflicten a maioría dos membros da familia borbónica non parece a mais adecuada ao momento presente. Non cabe estrañarse de que esa imaxe de "xente rica" provoque rexeitamento entre millóns de familias que o están pasando moi mal.
Polas razóns apuntadas e outras que cabria citar como, por caso, a aparición cada vez mais frecuente de estudos e textos históricos que fan xustiza coa II República e que corrixen o descoñecemento que unha gran parte da poboación ten dun período que fixo máis reformas progresistas que ningún outro antes, hai razóns fundadas para afirmar que os valores republicanos cotizan a alza entre os pobos de España. Que cada vez son máis os cidadáns que pensan que son a máxima expresión dos valores democráticos.
Non debería estrañar que tal cousa suceda. Era previsible que tan enseguida como as forzas conservadoras fosen perdendo poder á vez que o gañan as forzas progresistas e soberanistas, a verdade histórica iría saíndo a luz e, con ela, crecería a conciencia republicana como corresponde a unha democracia avanzada. Unha conciencia que deberá acompañarse da prefiguración dunha alternativa republicana.
Escribe o teu comentario