A necesaria reforma do Estatuto

Manoel Barbeitos
Economista

O pasado martes, 6 de abril, cumpríronse corenta (40) anos da promulgación do Estatuto de Autonomía que recoñecía politicamente, a través dunha lei orgánica, a Galicia como “unha nacionalidade histórica”. O longo tempo transcorrido e as experiencias acumuladas permiten avanzar oportunas conclusións entre as que ocupa un lugar non menor a de que o estatuto galego vixente demanda unha pronta reforma. Unha proposición que se apoia en varias evidencias.


Nunha democracia consolidada a superestrutura político-xurídica debe permitir dar resposta, independentemente da opción política que goberne, ás necesidades reais do país e dos seus cidadáns (económicas, sociais, culturais, territoriais…). Resulta indiscutible que a Galicia do 2021, como España e Europa, é moi diferente e ten necesidades moi distintas (con total seguridade que maiores) que a Galicia de 1.981.


Estes corenta anos tamén serviron para comprobar como a marcha da economía do país, a xestión dos problemas diarios, a resolución dos inevitables conflitos sociais, a cobertura das necesidades maioritarias, a atención das demandas cidadás, o propio exercicio da democracia, deron lugar a numerosos conflitos e choques entre as diferentes institucións como, por caso, entre a Xunta de Galicia e o Goberno de España, pero tamén entre aquela e as institucións locais propias como os Concellos e as Deputacións. Aínda que é certo que, en demasiados casos, estes choques responderon a razóns partidistas, non o é menos que moitos son froito dun deficiente encaixe institucional e dunha concorrencia competencial.


Galicia non pode quedar á marxe dos grandes cambios políticos habidos nas últimas décadas, por caso, en Europa. Cambios que poñen en evidencia como Galicia non parece ser quen de evitar o crecente e intenso proceso de centralización que acompaña á mundialización capitalista e que xera niveis de desigualdade social e desequilibrio territorial practicamente descoñecidos. Desigualdades e desequilibrios cuxa superación pon no foco na necesidade de maiores doses de soberanía para comunidades e concellos que ven, por caso, como avanzan imparables a emigración da poboación nova e o despoboamento de cada vez máis zonas rurais por falta de oportunidades e servizos.


Hai máis argumentos e de moi distinta natureza para reivindicar con xustiza tanto unha reforma do actual estatuto de autonomía de Galicia como a introdución desa reforma no calendario político post-covid. Desgraciadamente, as declaracións dos principais dirixentes das forzas parlamentarias (PPdeG, BNG e PsdG-PSOE), deixando ao descuberto importantes diverxencias tanto en contidos como en tempos políticos, fannos pensar que os intereses partidarios, como sucedeu no anterior intento de reforma estatutaria (2005), volverán impedir que se avance na necesaria reforma do actual estatuto de autonomía de Galicia.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress