O mellor sistema sanitario do mundo?

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

O presidente da Xunta, asegurou, no XII Congreso Nacional de Xornalismo Sanitario, o 8 de abril de 2016, que “está moi orgulloso da sanidade galega xa que a pesar das dificultades dos últimos anos, segue sendo unha das mellores do mundo". Estando de acordo en que temos un dos mellores sistemas sanitarios e un grupo de profesionais dos mellores do mundo, poñerei en cuestión a administración do Sistema Sanitario. En Galicia, onde a Atención Primaria chega a todos os lugares e debería ser accesible, próxima e de calidade, como veremos, non se está producindo deste xeito.

            

A relación de lugares con déficits de servizos sanitarios, só nos últimos cuato meses, é interminable: O Grove, Porto do Son sen servizo de Pediatría nin servizo de urxencias as fins de semana, Carballo, Soutomaior, O Morrazo, Forcarei, Deza, Soneira (falta de médicos)… Camariñas, Vimianzo, Zas, Cambados, Rianxo, Cenlle, Fisterra, Lugo (onde se agrupou a asistencia no Centro de Fingoi), Moaña, Ponte Sampaio, Malpica, Catoira, e así  poderiamos seguir...

             

Que podemos dicir da xestión da pandemia? Que  esteamos mellor que outros lugares, non é óbice para que a xestión sexa cuestionable. O Sr. Feijóo realizou unha reforma da Lei Galega de Saúde e actualmente está a realizar outra. O obxectivo, desde logo, non é a mellora do Sistema Sanitario Gallego: é crear un “tribunal de orde pública” para sancionar todo o que el considera sancionable. Non pensa en restituír as Áreas Sanitarias que eliminou, nin incorporar a participación cidadá na xestión da organización sanitaria. A situación de precariedade dos profesionais continúa e non teñen estabilidade; os profesionais seguen fuxindo a outros lugares, onde dignifiquen a profesión que tanto esforzo custoulles conseguir. Seguimos sen Xerencia de AP e sen orzamentos que fagan  fronte a unha demanda de atención cada vez máis numerosa (só dedica o 12% e nós solicitamos o 25% en 5 anos). Contamos con déficit de infraestruturas, de persoal e de dirixentes que saiban capitalizar o enorme potencial duns profesionais que, grazas o seu esforzo, fan que o sistema funcione.

            

O Consello de Contas de Galicia, elaborou  recentemente o informe do ano 2018, que pon en dúbida as relacións da administración sanitaria galega cos hospitais privados, nos cales, o 42,94% dos ingresos (140 millóns de euros), proceden de achegas da Xunta. Se é capaz de investir nos concertos da privada, non entendemos, que dun orzamento de 10.000 millóns de euros anuais, non sexa capaz de construír un Sistema Sanitario adaptado o século XXI e siga tendo a profesionais en réxime de escravitude (por isto non ten aos profesionais que demanda o Sistema).

            

Non entendemos como nos Centros de Saúde, seguimos sen Psicólogos Clínicos, Fisioterapeutas,  Logopedas, Terapeutas Ocupacionais, Geriatras consultores e outros profesionais, que de existir e en número suficiente, si poderiamos presentar unha Atención Integral: o individuo, a familia e a comunidade.

             

Que intención existe cando non se inviste no ben máis prezado que temos, que é a nosa saúde? Que intención existe cando se deixa marchar a profesionais, despois de formalos (e con moito diñeiro) para que outros servizos que os tratan dignamente, recrútenos e estean super  orgullosos de telos aos seus servizos (e sen gastar un euro na súa formación)?

            

Preguntamos o Sr. Feijoo, como permite que en unha  mañá póidase atender a 40 pacientes? Como se poden bloquear axendas dun profesional e deixar sen servizo aos seus asegurados e só atender as urxencias desa cota? Como se pode sobrecargar as consultas con “burrocracia” que só ocupa tempo e non mellora para nada a asistencia? Como se pode permitir que unha cita para un especialista demórese máis dun ano?

             

Quen é o responsable da (deas)organización? Esta traxedia, que se non fóra polos profesionais do Sistema Sanitario na Galicia, aínda sería peor.

            

A solución está nas mans de quen ostenta o goberno neste momento. O Consello Técnico de AP de Galicia está de novo en marcha: será capaz de facerlle caso? Vai o futuro en iso!


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress