O dilema do BNG: facer oposición ou colaborar na construción dunha nova España

Manoel Barbeitos
Economista

Nesta última semana tivo lugar no pleno do Congreso dos Deputados o debate das emendas á totalidade ao SPGE (Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2021)  presentadas por PP, Vox, JxCat (sen o PdeCAT), Coalición Canaria, Foro Asturias, CUP e BNG. Emendas que serían rexeitadas por unha ampla maioría.


A impresión que o BNG reflicte con este tipo de actuacións no Parlamento español é a de que esta organización galega carece dunha estratexia para o estado español. Unha carencia que se evidencia, ademais, na súa incapacidade para articular xunto con outros partidos soberanistas (PNV, ERC, BILDU, CUP, COMPROMIS, COMÚNS...) estratexias en clave federal e republicana. Carencia que tamén é manifesta nas citadas organizacións, o que as coloca a todas nunha situación claramente subordinada tanto fronte as organizacións estatais (PSOE; PP; UP; Cs) como ao propio Estado.


Por moito que os soberanistas galegos, cataláns e vascos néguense a aceptalo, a súa longa marcha a, por caso, a independencia, farase eterna se polo camiño non avanzan da man coas forzas progresistas estatais (PSOE, UP), na conquista de espazos de maior soberanía, máis democracia e federalismo. Os problemas de Galicia con España non son un problema exclusivamente galego senón que son tamén un problema de Cataluña, País Vasco, Andalucía... Un problema plurinacional derivado do feito de que, neste momento, hai unhas soberanías que non senten representadas polo réxime do 78. Un problema plurinacional fronte ao que, como se puxo en evidencia en Cataluña -o  Process-  e antes no País Vasco -plan Ibarretxe-, non son operativas as accións unilaterais, pois acaban fracasando.


Fracasan porque como tamén nos ensinan outras experiencias habidas durante a democracia, e moi en concreto o sucedido no 2006 co estatuto de Cataluña, non é posible avanzar na soberanía e no federalismo sen iniciar un novo proceso constituínte ou, na súa falta, proceder a unha fonda reforma constitucional que permita chegar a raíz dos problemas que evidencia o actual modelo territorial do estado. Reformas que alcanzan a asuntos moi relevantes e centrais do réxime do 78 e que van desde a xefatura do estado ata o poder xudicial,  pasando pola definición do propio estado español como un estado plurinacional. Reformas que polo seu calado e dificultade esixen de maiorías moi amplas nas cámaras, de pactos entre as autonomías e o estado e dun moi grande apoio popular.


Maiorías, pactos e apoios que, neste momento, non aparecen no horizonte máis inmediato. Maiorías que hai que construír día a día, con paciencia e coas ideas moi claras. Velaí a miña discrepancia, por caso, con esa posición enmendadora do BNG cos orzamentos públicos máis progresistas e descentralizados da democracia española. Unha posición que, significativamente, tampouco foi coincidente coa das forzas soberanistas máis afíns (ERC,  BILDU,  Compromis...) e que situou ao BNG no mesmo lado do escenario político que as forzas das dereitas (PP, CC, JxCAT...) e mesmo das máis reaccionarias (Vox). Lonxe, por tanto, dun posible e necesario acordo neste caso sobre uns orzamentos expansivos elaborados nun contexto social duramente castigado pola COVID19 e defendidos nun escenario político maltratado polo permanente barullo dunhas dereitas tiradas ao monte.


Por esas razóns, decisións políticas como a citada, son pasos atrás na articulación desas maiorías que poidan conducir tanto a ampliar as cotas de soberanía como a avanzar no federalismo republicano: "camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar". Pasos atrás que de non ser enseguida revertidos terán custos electorais importantes para esa organización. Non esquezamos que, segundo as análises máis rigorosas, o BNG nas últimas eleccións autonómicas (2020) recolleu votos entre os caladoiros electorais do PSdeG/PSOE, En Marea e Podemos-EU-ANOVA -uns 190.000- o que lle permitiu colocarse como líder da oposición en Galicia. Votos que pode perder agora con decisións como a citada sen, por caso, gañar votantes doutros caladoiros. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE