Incendios forestais: a Marea Negra anual de Galicia

Manoel Barbeitos
Economista

Cando un fenómeno de carácter destrutivo como este de os incendios forestais consegue tales dimensións (40.000 hectáreas de media anual, o 25% da superficie total queimada en España) e presenta tal regularidade (todos os anos) ben se pode dicir que estamos diante dun gran problema social e sistémico tanto porque afecta a toda a sociedade galega como porque está relacionado indiscutiblemente coa súa historia máis recente.


Partamos de aceptar unha evidencia tal como que "o lume non cae do ceo". Que hai quen o prende, o que supón aceptar que hai pirómanos. Coido que a estas alturas xa ninguén discute esta evidencia, o que supón recoñecer que a maioría dos incendios forestais son intencionados. Se isto é así, quen e por que queima os montes?


Caben varias respostas a esta pregunta que en si mesmas esconden posibles solucións. Hai quen lle prende lume os montes por motivos máis relacionadas coa psiquiatría que con calquera outra posible motivación. Estamos así diante de individuos/as anónimos/as pero que segundo os expertos son unha minoría. Unha minoría que, a pesar diso, resulta difícil de aceptar que non sexa coñecida pola veciñanza, o que reflicte unha realidade preocupante. Tamén a evidencia de que sen o apoio claro da veciñanza e "sen espolear a conciencia social cara a comportamentos individuais e colectivos respectuosos" (Serafín González Prieto, presidente de a  SGHN) non se poderá dar solución a este problema ou cando menos reducilo á mínima expresión.


A pesar diso, chegados a este punto, non debemos desprezar a evidencia de que estes/as individuos/as veñen facilitado o seu traballo destrutivo polo crecente desinterese da cidadanía rural polo monte. Un desinterese que está favorecido polas políticas públicas que desde hai décadas veñen aplicando con relación á superficie forestal. Unhas políticas públicas que marxinan a poboación rural e a toda poboación en xeral cando por caso algunhas experiencias de éxito poñen en evidencia as vantaxes de fomentar a participación de cidadáns e colectivos en tarefas de vixilancia de montes.


Unhas políticas públicas que, coa excepción do curto período do bipartito (2005-2009), poñen o acento máis na extinción que na prevención dos incendios, como así o denuncian destacados expertos e confírmano os orzamentos públicos. Unha extinción que, por outra banda e respondendo á ideoloxía neoliberal do partido que goberna a Xunta de Galicia (PP), déixase en mans do capital privado. Un capital privado que, respondendo a súa lóxica, actúa procurando a máxima ganancia: velaí que se fale con fundamento da "industria do lume". Máxima ganancia que depende de varios factores. En primeiro lugar da actividade que neste caso son os incendios: cabe dubidar de que cantos máis incendios haxa máis ganancias obterán as empresas que se contratan por moitos condicionantes que se lle poñan ligados aos resultados? As leis do capital non enganan senón que se confirman unha vez si e outra tamén.


Unha máxima ganancia que tamén depende duns custos que se quere sexan os mínimos. Uns custos entre os que o de persoal debería ser dos máis elevados. Velaí que tanto o número de persoal contratado como as propias condicións laborais incida directamente nos resultados. Empezando por isto último non resulta infrecuente que se  dean coincidencias no tempo entre a praga dos incendios e as protestas do persoal contratado polas condicións laborais como está a suceder no momento de escribir este artigo. En relación ao primeiro resulta evidente que a contratación de persoal, dado que se trata de actividades de extinción, vai estar condicionada polo volume e dimensión dos lumes. Cuantos máis lumes e grandes máis persoal necesitarase, ou non?... Saquen vostedes mesmos as conclusións sobre as consecuencias que se poden derivar deste tipo de política de persoal nunha contorna cun elevado nivel de desemprego e de precarización laboral.


Estas políticas públicas, que priman a extinción, supoñen tamén condenar ao abandono a grandes extensións da superficie forestal tal que na práctica están a axudar a incentivar os incendios. "A peor piromanía e manter extensas superficies de monte abandonadas sen producir riqueza para os seus propietarios. Abandono de terras e lume si que teñen unha forte ligazón" (Antón Fernández Oca. Director xeral de Produción, Industrias e Calidade agroalimentaria no bipartito). Abandono que deriva da falta dunha auténtica política de xestión forestal ligada ao territorio e con criterios de valoración tamén ligados a economía rural. En definitiva unha política que una o sector forestal co resto da actividade agraria.


En Galicia hai evidencias de que "cando os montes proporcionan riqueza aos seus propietarios aqueles non son abandonados e neles o número de incendios e escaso" (A.F.Ou.). Hai, por tanto, que facer rendibles os montes, tarefa que non é sinxela pero si imprescindible.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress