Coronavirus e a xestión da crise

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

A declaración en Galicia da Emerxencia Sanitaria o pasado 15 de marzo do 2020 (DOG nº 51), fixo posible realizar unha serie de actuacións que o goberno galego puxo en marcha de inmediato. Creou o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da Emerxencia Sanitaria en Galicia, o  fronte do cal está o Sr. Feijóo. As medidas postas en marcha nesa resolución confinaban a poboación galega nas súas casas. Facía unha serie de excepcións: sanitarios, servizos de alimentación, gasolineiras, etc. A cuestión principal era blindar Galicia dun posible contaxio masivo de persoas. Que sucedeu? Que ao non blindar Madrid, todos os territorios fomos contaxiados, en máis ou menos cantidade. Temos unha xeneralización de casos, que poderían ser moitos menos se as autoridades españolas houbesen decidido confinar a xente de Madrid e non permitir o seu traslado (masivo) a diferentes lugares do territorio da península ibérica. En lugar de ter un problema para 7 millóns de persoas, tívose para 57 millóns de persoas (incluída Portugal).

            

Este artigo quere ser unha exposición de feitos,  construtivo, do problema, tratando de explicar como chegamos a esta situación e quen son os e as responsables da mesma. Non se pode poñer o Sr. Feijóo como solución da Emerxencia Sanitaria cando forma parte da causa que ocasionou as dificultades para resolvelo. Por suposto non é responsable do coronavirus… pero si das decisións tomadas previamente, que deron lugar a que esteamos como estamos e suceda o  que está a suceder.

            

O Sistema Sanitario Público Gallego é o que debía afrontar con garantías a crise e a alarma social da Pandemia do Coronavirus COVID-19. A incorporación da sanidade privada aos labores de axuda está tamén recollido na declaración de Emerxencia Sanitaria. Pero debemos preguntarnos: por que chegamos a este punto de descontrol en Galicia, fiándoo todo a quedarnos na casa...e á sorte?

            

Sabemos que a pandemia do coronavirus, puxo en evidencia a política de recortes do Sistema Sanitario Público Gallego (e por suposto noutros moitos lugares) e puxo de manifesto a política de potenciación das privatizacións levadas a cabo polo goberno de Núñez Feijóo; limitou a capacidade da Sanidade Pública Galega para facer fronte eficientemente á actual Emerxencia Sanitaria. Os recursos necesarios para planificar estratexias e mobilizar o necesario para facer fronte ás emerxencias sanitarias foron externalizados a multinacionais sanitarias, que agora teñen a información e os datos epidemiolóxicos.

            

A Atención Primaria sufriu en gran medida esta política, polo que apenas conta cos recursos e equipos necesarios para prestar unha atención de saúde baseada na promoción e na prevención da mesma. A marxinación dos servizos de Saúde Pública é evidente, non contan cos recursos necesarios e están  descoordinados cos niveis asistenciais das Áreas Sanitarias (que tampouco teñen a estrutura e organización idónea).

            

O PP está a desmantelar os hospitais comarcais, con peches dos servizos necesarios para achegar a atención hospitalaria á poboación máis dispersa e envellecida que vive no rural, o mesmo que coas ambulancias necesarias para trasladar enfermos afectados de maneira urxente aos centros sanitarios (as últimas mortes así o testemuñan).

            

A angustia e ansiedade da poboación afectada nunha crise requiren de profesionais e servizos de Saúde Mental, cos que apenas conta o Sistema Sanitario Público en Galicia.

            

Só os recursos da Sanidade Pública, que non teñen como finalidade o negocio empresarial privado, son os que poden garantir e protexer a saúde da poboación, o que deixou de manifesto a emerxencia actual. Os centros privados derivan aos enfermos afectados aos centros públicos e cobran (e cobrarán) cantidades   desorbitantes por tratar  aos enfermos e por realizar probas que van ser pagadas pola Sanidade Pública.

           

É curioso, escoitar ao Sr. Feijóo dar as grazas, día si e día tamén, aos “profesionais sanitarios",  eses  mesmos que  el, que a súa política de recortes durante os seus 11 anos de mandato, fixo que traballasen máis, por menos, ao non substituir  aos profesionais ausentes. A precariedade laboral, levou a que moitos profesionais de Galicia, que foron formados durante moitos anos nas universidades e escolas galegas, con diñeiro galego, fuxisen de Galicia para traballar en lugares onde o sistema sanitario de quenda tratáseos mellor que en Galicia. Estes lugares, sen gastar un euro na súa formación,  fanse con profesionais de primeiro nivel (só teñen que pagarlle a/o tradutor/a) e así, poder atender, de forma idónea, ás súas poboacións. E mentres, Galicia queda sen profesionais e  os que están teñen que traballar nunhas condicións de precariedade (os  afectados falan de escravitude): contratos de horas cando van ser días, contratos de luns a venres, en postos de ancha duración, para aforrarse o sábado e o domingo, centos de contratos sucesivos estando na mesma praza, etc. Todo isto fíxoo a persoa que agora lle dá as grazas de forma hipócrita e que non se cre ninguén de loss que traballan no SERGAS.  Por isto, é primordial, que debemos apoiar todos (e non de boca para fóra) ao Sistema Sanitario Público Gallego e aos seus profesionais, polo traballo que realizan, en condicións moi difíciles e sen os medios necesarios. O esforzo, dedicación e profesionalidade, queda de manifesto na súa actuación na Pandemia do Coronavirus.

            

Mentres certos individuos canalizan a súa ira cara ás vítimas do sistema, os verdadeiros responsables da súa crise poden vivir ben tranquilos, porque nin os pacientes enfervorecidos nin os recortes en Sanidade afectaranlles o máis mínimo.

            

Que debemos facer no próximo goberno que salga das próximas eleccións (que esperemos non sexa un novo mandato do PP, pois moi mal iremos)? Recuperar e ampliar os recursos sanitarios públicos e acabar coa política de recortes, privatizacións e desmantelamento do Sistema Sanitario Público Gallego.

            

Debemos restituír no sistema os instrumentos necesarios para garantir a saúde, a promoción e prevención e unha planificación sanitaria baseada nunha información en mans públicas. Construír un Novo Modelo de Atención Primaria en Galicia é a tarefa principal e temos as vimbias a través do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, onde 250 persoas, en 15 Comisións Sectoriais, traballaron arreo e teñen os instrumentos para construír a Sanidade Galega do futuro… e por consenso.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE