A chaqueta de Pablo Iglesias

Manoel Barbeitos
Economista

Hai xa algúns días foi noticia de portada de moitos medios a chaqueta de Pablo Iglesias, quen non deixa de ser tanto el como a súa parella, a brillante Irene Montero, obxecto de continuos, desproporcionados e maiormente mentireiros ataques. A noticia foi que a chaqueta de Pablo Iglesias era da marca Zara (Inditex). Noticia porque é ben sabido que este dirixente político e o seu partido (UP) non ocultan as críticas ao comportamento empresarial e fiscal de Inditex e, por tanto, de Amancio Ortega. Casualmente, eses ataques a Pablo Iglesias coinciden no tempo cun unha serie de novas políticas que poñen en evidencia as lóxicas e normais diferenzas entre os partidos que compoñen o Goberno español (PSOE/ UP). Diferenzas referidas, por caso, a problemas de gran calado político e social e nos que UP está a mostrar unha posición máis firme e contundente que o PSOE. Diferenzas que son ampliadas e terxiversadas polo que algúns chaman despectivamente “a caverna mediática” quen, a pesar diso, oculta outras diferenzas tamén moi evidentes, por caso, entre as familias do Partido Popular (PP) ou entre  os partidos nos gobernos autonómicos e locais do “trifachito” (PP,  Cs,  Vox).


En leste desvarío mediático, no que todo vale, sérvese para facer dano a este Goberno das esquerdas e tamén para provocar, por caso, crispación, os aguerridos atacantes, que utilizan tanto os medios afíns como as redes sociais (Twitter), parecen esquecer polo camiño que o impacto da pandemia e a recesión sobre moitas familias en situación de vulnerabilidade pode ser demoledor. Impacto que se multiplica coa corentena e a imposibilidade física de desprazarse polo que era urxente que os poderes públicos achegasen solucións eficaces e inmediatas para que estas familias poidan cubrir, cando menos, as súas necesidades máis elementais (comer, vestir, pagar os gastos de vivenda...). Unha das iniciativas do novo Goberno nesta dirección é a posta en marcha dun ingreso mínimo vital (IMV) que axude a esas familias para evitar que caian na máis absoluta das miserias. Resulta, por tanto, vergoñoso que a chaqueta de Zara que se puxo Pablo Iglesias reciba máis atención mediática que a situación límite destas familias, algo que si preocupa ao líder de UP pero non parece interesar as dereitas que tratan con desdén tal iniciativa do goberno (“axuda envelenada que quere eliminar a iniciativa individual e a propiedade privada...que supón, ademais, o triunfo das teses bolivarianas” -sic-). Comportamento que vén sendo o mesmo que tratar con desprezo ás familias que se beneficiarán de tal renda (un millón en España, moitos miles en Galicia). Habería que preguntarse como é posible que isto suceda. Preguntarse como é posible que estas noticias que erosionan a verdade quen perde espazos fronte as trolas e os bulos poden ter maior interese estratéxico que nunca e poden estar a gañar adeptos, por caso, entre a xente que peor o está pasando pero que está a ser manipulada.


Tamén cabería preguntarse como a chaqueta que se pon Pablo Iglesias recibe igual ou maior atención que a urxente necesidade de que a Unión Europea se dote de recursos suficientes para atender para os efectos da pandemia e a recesión económica. Recursos que, de  ningún modo, supoñan máis débedas encima dunhas débedas xa moi elevadas. Algo que, por caso, defende o político da chaqueta de Zara, pero que de novo as dereitas rexeitan (no Parlamento Europeo votaron en contra da emisión de eurobonos, algo que beneficiaría enormemente a España e aos estados do Sur de Europa, os máis endebedados, e que enlaza coa idea de que a UEM debe ser un proxecto común e solidario). Unhas dereitas ás que non parece importarlles, senón todo o contrario, que a súa postura debilite o poder de negociación do goberno español diante das instancias e dos gobernos europeos reticentes como, por caso, Alemaña, Holanda, Austria... Esa é a visión de estado das dereitas españolas que se ve apoiada polos seus altofalantes ridiculizando, nas súas portadas e editoriais, a valente postura do goberno español. Unha aposta pola confrontación e a crispación que non ten parangón en Europa.


E así podiamos seguir. Por caso, que dicir dos ataques que, por parte dos mesmos, está a recibir Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias e portavoz do goberno español nesta crise, como xa fora de gobernos anteriores? Como é posible tales mensaxes de odio e de descualificación a este funcionario cuxas comparecencias transmiten tranquilidade, acougo e seguridade? Cando pase a pandemia non estaría de máis acudir ás hemerotecas e ver cales foron os asuntos de referencia que durante este tempo coparon as portadas dos diferentes medios de comunicación e opinión así como de atención de, por caso, os partidos das dereitas. Veremos como o que realmente buscaron foi, sempre e en todo momento, derrubar como sexa a este goberno das esquerdas sen importarlle as consecuencias políticas e sociais nunha conxuntura como a actual tan difícil para todos. Unha conxuntura que debería propiciar a unidade de todos na loita contra a pandemia e non sementar tanto odio e tanto resentimento.


O problema non é a chaqueta de Pablo Iglesias, nin sequera a súa vivenda. Son as políticas públicas progresistas que está a poñer en marcha este Goberno e que ven facilitadas polos indiscutibles impulsos políticos e talante social que  P está a achegarlle. Políticas que poñen o foco nos cidadáns que peor o están pasando pero que non son do agrado dunhas dereitas sempre egoístas e insolidarias. Sempre dispostas a sementar o odio e a crispación para o que agora contan co apoio pernicioso dunhas redes que favorecen e multiplican a polarización dos usuarios.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE