O coronavirus: a socialdemocracia choca coas súas políticas

Manoel Barbeitos
Economista

Cando o goberno grego, que dirixía SYRIZA, por medio do seu brillante Ministro de Economía, Yanis Varoufakis, solicitaba das autoridades comunitarias (Consello de Europa, Comisión Europea, Banco Central Europeo) unha maior marxe de manobra fiscal para poder atender a unha dobre fronte: a gravísima crise social que atravesaba Grecia e os deberes derivados da súa enorme débeda. Cando Yanis Varoufakis apelaba ao que pasa por ser un dos principios da Unión Europea, a solidariedade entre estados, a socialdemocracia europea aliñada cos liberal-conservadores contestoulle que NEIN. Nin unha soa voz saíu en apoio do maltratado pobo grego. Máis aínda, quedou claramente en evidencia que se trataba tanto de “darlle unha lección aos gregos”, por votar ás esquerdas antisistémicas, e “un aviso a navegantes” de que os tratados asinados están escritos en pedra e son de obrigado cumprimento para todos os estados independentemente da conxuntura que atravesen e do goberno que voten.


Así, e baixo ameaza do BCE (Banco Central Europeo) de deixar sen liquidez tanto aos bancos gregos como ás propias administracións públicas, o que tería suposto a bancarrota do país, o goberno grego viuse obrigado a asinar un dos programas de austeridade máis duros da historia europea, equivalente ao que tivo que asinar Alemaña logo da II Guerra Mundial. Un tratado vergoñoso (o 40% do PIB ten que destinarse ao pago da débeda) que lle fixo a Grecia retroceder décadas, colocando á maioría do pobo grego nunhas condicións de penuria e atraso das que lle custará infinito saír.


O argumento utilizado polos “vencedores” foi o de que todos os estados da UEM estaban obrigados, seguen estando, a cumprir os deberes fiscais e monetarios que fixan unha serie de tratados asinados no seu día (Tratado de Maastrich; Tratado de Estabilidade, Coordinación e  Gobernanza na UEM; Tratado Constitutivo do Mecanismo Europeo de Estabilidade -MEDE-) e que Grecia non podía ser unha excepción. Que, por outra banda, se Grecia atopábase nunha situación recesiva era porque “vivira por encima das súas posibilidades”. Grecia dilapidara moitos recursos públicos, cunha débeda pública disparada (xamais as autoridades europeas entraron na análise das causas desa débeda e moito menos de quen se beneficiaba) e que agora tiña que purgarse. Xa se sabe, a purga que sa... ou mata.


Logo ningún partido socialdemócrata europeo, ningún dos seus dirixentes levantou a voz para denunciar o cruel trato ao que se estaba sometendo ao pobo grego e moito menos denunciou as consecuencias que tería o acordo que se lle obrigaba a asinar. Ningún levantou a voz porque se botabamos unha ollada a historia da UEM comprobaremos como a socialdemocracia europea tivo sempre un papel relevante, decisivo na redacción e aprobación dos tratados que asinaron en pedra as políticas “austericidas” para toda a zona euro. Políticas que, por caso, converteron o que era unha crise financeira (2008) nunha gran recesión (2009...) e que dispararon as desigualdades sociais e territoriais no seo da Unión Europea ata niveis descoñecidos na súa historia.


Os argumentos utilizados daquela son os que agora volven utilizar Alemaña e Holanda fronte a España, Italia e Portugal para negarse a apoiar a emisión de  eurobonos  que axuden  fiscalmente aos estados europeos a facer fronte a nova recesión. De novo “acúsase os estados” solicitantes de non facer ben os seus deberes. De novo, e contra todas as lóxicas económicas, sinálaselles o camiño do rescate (MEDE) para obter financiamento. Un camiño, o peor de todos os posibles, que como xa se sabe impón sacrificios durísimos e controis externos que supoñen unha perda grande de soberanía. Un camiño que leva a ningunha parte má que a profundar na recesión e incrementar as desigualdades e a pobreza. Un camiño que incrementa as débedas públicas e privadas, segue esnaquizando o estado de benestar, dispara o desemprego e a precariedade pero incrementa tamén as ganancias da grande banca europea e afástase aínda máis dos obxectivos fixados pola Unión Europea. Un camiño que “castiga” a uns estados para beneficiar a outros.


Desta aprenderá a lección a socialdemocracia do sur de Europa? Ai, si o vello  Engels levantase a cabeza!


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE