Doctor en Farmacia. Diplomado en Xestión Clínica. Afincado en Paradela, Sarria, Lugo.
Hai rexistros de que durante a pandemia de gripe española de 1918, máis de 1.700 persoas recibiron transfusións de plasma, pero é difícil determinar cal foi o seu grao de efectividade. Iso si, parece evidente que non se trata dun descubrimento actual, senón dunha técnica clásica.
Recentemente, a técnica do plasma convalecente aplicouse en epidemias doutras enfermidades respiratorias como a do SARS en 2003 e a de MERS en 2012. Durante esta pandemia do Covid19, en China xa se fixeron estudos que mostraron que a transfusión de plasma pode ter bos resultados, con todo, son necesarios estudos controlados que demostren ou descarten a súa eficacia.
O plasma convalecente ofrece, nestes momentos, grandes vantaxes fronte a outras terapias. A maior de todas, unha dispoñibilidade inmediata a diferenza do desenvolvemento de vacinas ou medicamentos, que poden tardar meses ou anos.
O plasma convalecente non é unha vacinación, é outra forma de tratar o coronavirus totalmente diferente. A vacina provoca que o propio organismo produza os anticorpos e evite a infección; mentres que neste procedemento se transfunden anticorpos pasivos. Os anticorpos procedentes dunha persoa curada encargaríanse de neutralizar a carga viral nun paciente infectado.
Trátase de facer transfusións de plasma (parte líquida do sangue) de quen xa se recuperaron da enfermidade a pacientes que estean a sufrir a infección. Cando unha persoa ten unha infección, o seu organismo reacciona creando anticorpos, que quedan almacenados no plasma durante semanas ou mesmo anos. A terapia baséase en que o enfermo reciba o plasma cos anticorpos de persoas que sufriron a enfermidade e venceron ao virus con éxito.
Todo apunta a que este tratamento pode supoñer unha auténtica revolución, debido a que xa se constatado a posible eficacia deste tratamento noutro tipo de pandemias. O Ministerio de Sanidade autorizou o inicio de contactos con posibles doantes, que superasen a infección por coronavirus, para tratar a enfermos que teña a infección activa, no marco dunha serie de recomendacións de seguridade e calidade. As premisas que se deben cumprir son a seguridade do doante, do persoal sanitario e do produto obtido.
Tamén debemos ter en conta a farmacéutica Grifols, especializada na produción de medicamentos derivados do plasma e con sede en Barcelona, foi a elixida para levar a cabo un proxecto similar para o goberno de EEUU.
Escribe o teu comentario