Europa e o coronavirus: imos a peor

Manoel Barbeitos
Economista

De non cambiar moito as cousas, poida que o coronavirus acelere o proceso de perda de posicións da Unión Europea dentro da actual economía do mundo capitalista. Se en sentido contrario China dá un paso máis cara ao liderado, daquela a Unión Europea retrocede aínda máis. As razóns, como sempre, son políticas. As políticas públicas que baixo o férreo control da troica (Consello Europeo, Comisión Europea e Banco Central Europeo), pero impostas por Alemaña, veñen aplicándose desde que explotase a crise do 2008. Así, fronte á sumarísima batalla comercial entre os Estados Unidos e China, uns loitando por non perder a posición hexemónica gañada logo da Segunda Guerra Mundial; outros por substituílos no liderado da actual mundialización Europa, como se está vendo agora coa pandemia de o  coronavirus, non é quen de conservar o seu lugar no mundo e camiña  cara a un papel cada vez máis secundario fronte a China e os Estados Unidos.


Unha mostra inequívoca do que sinalo témola na súa reacción fronte a pandemia de o  coronavirus. Encorsetada nuns ríxidos tratados que xa mostraron a súa inadecuación para superar primeiro a crise financeira do 2008 e logo a posterior recesión, a Unión Europea segue sen dar os pasos necesarios cara a ser quen de actuar como unha auténtica unión para así facer fronte con garantías tanto a reto do coronavirus como á nova crise que se nos vén encima e que acelera o seu impacto por mor da pandemia. Unha actuación cada día máis urxente se quere seguir sendo unha unión e con peso na actual economía mundo capitalista. Con todo, as últimas decisións non convidan, como sinalaba, ao optimismo senón todo o contrario.


As medidas políticas e financeiras máis relevantes que vén de tomar a Unión Europea con motivo do coronavirus están na decisión da Comisión Europea de desbloquear unha partida dos fondos estruturais (a España correspóndenlle 4.145 millóns de euros) que poderán cambiar o destino orixinal e empregarse na loita contra o impacto do coronavirus, e na posterior do Banco Central Europeo (BCE) que lanza un programa de compra de bonos públicos e privados ( PEPP: Programa de Compra de Emerxencia por Pandemia) por valor de 750.000 millóns de euros.


Un simple repaso aos diferentes importes xa nos confirma que as autoridades europeas seguen apostando pola política monetaria mesmo en situacións de emerxencia como na actualidade. Unha aposta estratexia que como, como é ben sabido, está pensada para beneficio da grande banca europea. Por que? A medida que vén de tomar o BCE ten dous obxectivos monetarios: asegurar a venda dos bonos e evitar a especulación sobre os mesmos. Obxectivos loables pero de curto alcance. Por que? Porque como está escrito en pedra (Artigo 101 do Tratado de  Maastricht) o BCE prohibiu prestar directamente aos estados e debe facelo ao través dos bancos. O BCE préstalle ese diñeiro (neste caso 750.000 millóns de euros) a gran banca europea a taxas de interese cero ou negativas para que logo esta préstello aos gobernos europeos a taxas superiores: negocio redondo. Unha vez máis as autoridades europeas aproveitan a desgraza dos cidadáns europeos para que a gran banca siga facendo negocio: “hai que tranquilizar os mercados” (sic.). Por se isto non fose suficiente, o Banco Central  Europeo (BCE) vén de anunciar que atrasa as “probas de  tensión” ao 2021 “para que (os bancos) poidan centrarse nos seus negocios e nos seus clientes durante a pandemia”. Seguiremos sen saber realmente cal é a situación contable da grande banca, os reais niveis de solvencia e liquidez, polo que seguimos coa ameaza no horizonte dunha nova crise bancaria. Ao tempo multiplicaranse as débedas públicas dos estados e as privadas das familias e as empresas.


Con relación á decisión da Comisión Europea de desbloquear partidas de gasto hai que subliñar dúas cousas. Non se trata, de ningunha maneira, dun plan de estímulo fiscal como podía parecer, senón dun cambio de partidas orzamentarias con ademais unhas cantidades ridículas: faría falta moito máis. Tampouco dunha “relaxación” dos obxectivos de déficit, xa que por unha banda o pacto fiscal (0,5% do PIB) non o estaba cumprindo ningún estado da eurozona e por outra mantense a vixilancia sobre os límites fixados no TECG (3% do PIB) a pesar da crise. A doutrina é a doutrina en calquera tempo e circunstancia. Non podo por máis que lamentar a posición que o Goberno de España (por medio da Vicepresidenta Calviño) adoptou no Eurogrupo aliñándose con Alemaña, partidaria de poñer limite ao gasto e de que cada estado “arránxellas como poida”.


En definitiva, e segundo as elites europeas, as políticas de austeridade son o remedio para todo. Claro que agora xa atoparon un novo argumento para xustificar a situación recesiva na Unión Europea: o coronavirus. Pero tranquilos, dinnos estes sabios e sabias, que unha vez pasada esta epidemia a economía europea recuperarase. Non llo cren nin eles nin elas!


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE