“Cada día que pasa do bloqueo da axuda, os nenos e nenas enfróntanse a un risco crecente de fame negra, doenza e morte. Nos últimos 19 meses Gaza foi letal para os nenos e nenas, xa que non hai lugares seguros. De norte a sur, están a ser asasinados e mutilados en hospitais, en escolas convertidas en refuxios, en tendas de campaña improvisadas ou nos brazos dos seus pais” Declaracións do director rexional de UNICEF para Oriente Medio e Norte de África, Edouard Beigbeder.
Teño escrito neste medio, e varias veces, sobre o que considero “miserias da partitocracia” por mor de pensar que, con demasiado frecuencia, os dirixentes políticos pon interéselos partidistas, de conquista do poder político, non só por encima dos intereses xerais, senón que mesmo chegan a antepolos aos dereitos humanos, ao dereito a algo tan sacro como a vida. Nesta semana tivemos no Parlamento español un exemplo do que apunto.
O martes, 20 de maio, o Congreso dos Deputados admitía a trámite unha lei de Sumar, Podemos e o BNG dirixida a que España leve a cabo un embargo de armas aos países que estean a cometer un xenocidio. Unha proposición de lei pensada, está claro, para impedir o comercio de armas con Israel polo xenocidio que o seu exercito está a cometer en Gaza. Saíu adiante cos votos a favor dos partidos do goberno (#PSOE/Sumar) e dos do bloque de investidura (#BNG, ERC, Junts, PNV…). Votaron en contra o Partido Popular (#PP), Vox e Unión do Pobo Navarro (UPN). Unha vez máis as dereitas españolas puxeron a súa obsesión por derrubar ao goberno de quenda por diante de calquera outra consideración política, ética ou moral. Nun momento en que as Nacións Unidas, UNICEF e outras organizacións non gobernamentais avísannos de que 14.000 nenos grazatíes están en risco de morte inminente tanto polas accións do exercito e a aviación israelí como polo bloqueo que o goberno xudeu esta exercendo sobre a axuda humanitaria impedindo que esta chegue regularmente ao seu destino: a poboación gazatí.
Diante desta decisión, e vendo o que está a pasar en Gaza, un non pode por menos que preguntar se os deputados que votaron en contra teñen fillos ou netos. Si é así, tamén me pregunto que lles dirán cando cheguen ás súas casas e aqueles interróguenlles sobre Gaza. Pregúntenlles que mal fixeron os nenos gazatíes para que os estean asasinando e/ou mutilando. Contaranlles que a culpa é de Pedro Sánchez? Ou lles soltarán a milonga do Festival de Eurovisión?
Resulta indiscutible que a proposición de lei aprobada é manifestamente insuficiente, mesmo tardía. Pero é un paso adiante, un recoñecemento de que estamos diante dun xenocidio, labor consciente e orgullosamente polo goberno israelí, que ten como vítimas principais a nenos e nenas (xa suman uns 15.000 os asasinados polo exercito xudeu). Que non estamos diante dunhas operacións militar (Nuñez Feijóo) senón dun xenocidio contra un pobo (palestino) que ten dereito á súa existencia, como así recoñece o dereito internacional.
Ademais da bajeza moral sorprende a falta de reflexos políticos dos dirixentes populares (#PP) e a pouca visión do seu líder (Nuñez Feijóo) ao non ser quen de ver que a masacre de nenos gazatíes está a sacudir as conciencias de moitos cidadáns europeos obrigando aos seus líderes políticos a rectificar posicións anteriores con relación ao goberno israelí e ao pobo palestino.
Non quero finalizar sen volver sinalar que a decisión do Parlamento español resulta claramente insuficiente. Que os partidos políticos, e o goberno español, teñen que ir máis aló en defensa do pobo palestino e deses nenos que están a ser asasinados por miles. Que o goberno español debe traballar arreo por que a Unión Europea teña co Israel de Netanyahu unha estratexia similar que coa Rusia de Putin e suspender o diálogo político, revisar o actual acordo de asociación, impor un embargo total de armas, elaborar un decálogo de sancións contra dirixentes políticos e militares xudeus así como contra colonos xudeus extremistas... En caso contrario habería que preguntarlle a aqueles que xustifica unha posición política tan diferente con relación a Rusia e a Israel. É que os nenos gazatíes non teñen os mesmos dereitos que os nenos ucraínos? É que o goberno israelí non está a cometer crimes de guerra como o goberno ruso?
Escribe o teu comentario