O imparable declive político, social e cultural de Europa

Manoel Barbeitos
Economista

Archivo - El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez y la presidenta de la Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, durante la Cumbre del MED9, a 11 de octubre de 2024, en Pafos (Chipre).
Pedro Sánchez e a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, durante o MED9,  11 outubro de 2024, en Pafos (Chipre).


 

A mundialización neoliberal, coas as súas crises recorrentes, sumada aos enormes fallos na construción da unión, que provocan grandes déficits democráticos, están conducindo a Europa a un nivel de degradación política, social e cultural sen precedentes dende a II Guerra mundial.


 

Un imparable declive que ten o seu paradigma político no ascenso das extremas dereitas en practicamente todos os estados da Unión Europea. Algo que se hai uns días puidemos comprobar cos resultados electorais habidos en Portugal, antes sucedeu en Alemaña, Austria, Dinamarca, Italia, Suecia, Holanda, Francia e España, entre outros. Un ascenso dos totalitarismos que se ve favorecido polas novas estratexias de moitas dereitas que se durante décadas se presentaron como centristas e/ou liberal-conservadoras na actualidade non teñen reparos en aliarse ou tender pontes ás extremas dereitas. Así, e logo das eleccións ao Parlamento europeo o grupo do Partido Popular (PPE) tendeu a man tanto á extrema dereita italiana de Giorgia Meloni como a outros partidos do seu grupo parlamentario. Unhas alianzas políticas que en Europa occidental non se daban dende a II Guerra mundial cando logo das terribles experiencias vividas (nazismo, fascismo) e coas excepcións temporais de España, Portugal e Grecia chegouse a un acordo tácito entre as dereitas e as esquerdas para impedir a entrada da extrema dereita nas institucións democráticas.


 

Alianzas das dereitas conservadoras e as extremas dereitas que teñen lugar sen que estas últimas renuncien aos seus postulados profundos, á súa ideoloxía totalitaria. Non só non se produciu esa renuncia senón que, grazas á permisividade das primeiras, están conseguindo tanto introducir esa ideoloxía en relevantes aparatos dos estados como penetrar nas conciencias dun número crecente de cidadáns. Unha ideoloxía totalitaria a par que racista e xenófoba que busca desnaturalizar as institucións democráticas e deteriorar a propia convivencia cidadán. Así estas dereitas extremas lonxe, por caso, de confrontar libre e democraticamente os seus proxectos políticos e culturais coas esquerdas buscan o ataque persoal, directo e descualificador aos seus líderes e dirixentes usando como armas a mentira, a trola e mesmo a intimidación física. Campañas de acoso e derribo que son unha proba elocuente de que estamos nunha fase histórica marcada por un profundo declive político, social e cultural que se ve favorecido “polo cambio de paradigma socioeconómico implantado pola mundialización neoliberal” (SAMI NAIR: Europa encadeada. O neoliberalismo contra a Unión).


 

Un declive que tres acontecementos exteriores á UE acentuaron: a guerra en Ucraína, o xenocidio en Gaza e os aranceis da nova administración estadounidense, quen puxeron en evidencia tanto a falta dunha política exterior e de defensa europeas como a intensificación das diverxencias internas. Logo de tres anos a situación da guerra en Ucraína, con un número crecente de mortos e desprazados, infraestruturas esnaquizadas e sen que no horizonte inmediato se vexa un claro final, está poñendo dramaticamente en evidencia que a Unión Europea, carente dunha política común de defensa, móvese aos ditados da OTAN, que é o mesmo que dicir dos Estados Unidos. Unha subordinación que leva a que agora a solución ao conflito non pareza estar en mans da Unión Europea e de Ucraína senón de Rusia e os Estados Unidos. Unha subordinación que explica por que a Unión Europea se ten embarcado nunha carreira armamentística cuxa principal beneficiaría será a industria militar estadounidense.


 

En relación ao xenocidio en Gaza e Cisxordana, a postura da Unión Europea de non incomodar ao goberno israelí, a pesar dos loables esforzos do goberno español por defender os dereitos do pobo palestino a ter un territorio e a vivir en paz, supón unha enorme mancha escura na imaxe de Europa cuxo desprestixio internacional vai 'in crescendo'. Finalmente non menos preocupante está sendo a súa para facer fronte á ofensiva comercial da nova administración estadounidense. Unha ofensiva que busca subordinar Europa aos intereses dun imperio en decadencia que turra por recuperar un liderado perdido.


 

Unhas conxunturas que podían seren oportunidades para que a Unión Europea ocupara no taboleiro internacional unha posición distante dos dous imperios en conflito (Estados Unidos e China) e de defensa da paz, a democracia social, o medio ambiente, a relación amistosa e cooperativa entre os pobos na procura dos intereses xerais pero respectando as lóxicas diferencias. Unha posición que suporía un maior acercamento da Unión Europea aos países do Sur global onde a súa imaxe está en caída libre.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE