O coronavirus pon a cada un no seu sitio

Manoel Barbeitos
Economista

Un dos relevantes efectos (“non hai mal que por ben non veña”) que provoca a epidemia do coronavirus é o de poñer a cada quen no seu sitio, mostrando ao tempo algúns dos importantes déficits da democracia española.


Un dos máis significativos fai referencia a realidade dos medios de comunicación e opinión tanto en España como, por tanto, en Galicia. O tratamento informativo que moitos medios, moi especialmente as televisións e radios privadas, están a darlle a esta nova epidemia resulta claramente lamentable. Lonxe de situar o problema no seu xusto sitio, unha epidemia como todas de orixe animal pero da que se descoñece case todo, dáselle un tratamento informativo que se nalgúns casos parecería que estean a transmitir un acontecemento deportivo, tratando cada novo caso coma se fose un gol, noutros adoptase unha vía alarmista e sensacionalista cun guion sen ningún rigor, sen contrastar nin modular, e por medio de persoas de reducido bagaxe intelectual e nula coñecemento científico pero que expresan opinións coma se fosen dogmas, cunhas formas histéricas que tentan transmitir alarmismo e dando grandes berros coma se canto máis un grita máis razón ten. Un espectáculo realmente lamentable. O  coronavirus vén así a poñer en evidencia unha vez máis como, xunto a un reducido número de medios serios, rigorosos e independentes que informan responsablemente, hai unha maioría de altofalantes que non están a altura do que sería mester nunha sociedade plural, moderna e democrática.


Unha información sensacionalista que impacta negativamente en sectores da cidadanía que parecen ter nestes medios o seu oráculo. Como explicar senón que, por caso, háxanse esgotado as reservas de máscaras cando non hai base científica que xustifique a necesidade de utilizala excepto cando se trata de persoas afectadas ou que estivesen en zonas de risco (Sueste asiático, Norte de Italia). O uso de as  máscaras, como subliñan todos os expertos, é unha medida totalmente innecesaria, non ten fundamento científico e só serve para xerar alarma. A máscara debe usala unicamente aquela persoa que comeza a ter síntomas, estivo exposta á enfermidade ou visitou zonas nas que hai casos confirmados. Esas son as únicas persoas que deben poñela, non o resto da poboación. Que dicir tamén desa imaxe de estantes baleiros nalgúns supermercados, máis propias de Arxentina cando o “corralito”, que  viron  como  en un  escaso  tempo  se  quedaban  sen  existencias?   


Imaxes, por certo, profusamente difundidas por estes medios que propagan de maneira tan sensacionalista continuas novas sobre esta epidemia. Por que non atendemos aos consellos e recomendacións que, de maneira regular, transmítennos desde voces autorizadas de expertos e científicos ata as autoridades políticas como, por caso, os representantes do goberno español? Por que atendemos as informacións sensacionalistas que carecen dun mínimo rigor?


Xuntos a estas voces que anuncian consecuencias apocalípticas hainos tamén que aproveitan a ocasión para levar a auga ao seu muíño. Así nos atopamos con empresarios como, por caso,  Foment do Treball, que dunha maneira oportunista queren aproveitar a ocasión para facer recortes do cadro de persoal e mesmo despedimentos cando non minguar os salarios. Afortunadamente o movemento sindical reaccionou con rapidez e logrou parar o golpe, cando menos momentaneamente, que algúns xa prepararan. Non menos  reseñable resulta neste caso a reacción do Goberno español na liña do movemento sindical.  Con todo, o sucedido non deixa de ser “un aviso a navegantes”.


Falando do comportamento dalgúns empresarios que dicir daqueles que dunha maneira oportunista pero tamén mezquina aproveitan para facer negocio coa venda de  máscaras e desinfectantes. Que dicir do comportamento das multinacionais farmacéuticas que son participan na elaboración de vacinas e fármacos se estes son rendibles e mesmo de hospitais privados que, a pesar de ser grandes beneficiarios de concertos coa administración públicas, néganse a poñer os seus medios e recursos a favor da loita contra esta epidemia. Non estaría de máis que isto servise para que os/as cidadáns entendésemos de maneira definitiva que estas empresas privadas (farmacéuticas, hospitais e clínicas...) non buscan mellorala saúde e a calidade de vida das persoas, senón o máxima ganancia, obxectivos que, case sempre, son contraditorios.


Pero non todo é negativo, pois tamén se producen feitos que tanto poñen en evidencia o enorme espírito solidario de moitos cidadáns españois e galegos, como a calidade de servizos públicos básicos. Así temos a actuación dos profesionais da atención sanitaria pública que, unha vez máis, demostran a súa maior competencia e fiabilidade fronte a privada. Profesionais, traballadores todos, que polo seu contacto cos enfermos e co público en xeral corren os maiores riscos de contaxio e transmisión polo que deben ter, por parte das autoridades, asegurada a súa saúde e seguridade. Unhas actuacións profesionais que, poñen en evidencia e enorme superioridade da atención sanitaria pública sobre a privada a pesar dos grandes recortes sufridos pola primeira. Asusta pensar como estariamos sen as redes e o persoal do sistema sanitario público.


Basta con mirar o que está a pasar na comunidade de Madrid, onde seguramente se deron os maiores recortes e as máis grandes privatizacións, cun sistema sanitario público totalmente desbordado. Algo que pode, en calquera momento, repetirse noutros territorios, como por caso Galicia, onde os recortes e as privatizacións foron tamén o norte das políticas públicas sanitarias.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE