Cun ollo mirando a Madrid e outro a Verín

Manoel Barbeitos
Economista

Cando Alberto Núñez Feijóo e os seus compañeiros de tripulación pensaban que empuxado na  popa polos ventos da “aldraxe” o seu navío (Partido Popular de Galicia) navegaría firme e seguro ata o porto que marca o triunfo nas eleccións autonómicas deste ano 2020. Cando todo parecía estar a favor dunha nova vitoria electoral levantaronse dous refachos de vento que soprando na proa ameazan con botar o barco a pique.


Un deses ventos sopra desde Madrid. O outro desde Verín. Ventos moi fortes e persistentes, que poden minimizar os efectos dos ventos da aldraxe (falta dun estatuto para as empresas electrointensivas, bloqueo dos pagos correspondentes á reforma do IVA, demoras no final do AVE...). Poden facelo porque parece estar fóra de dúbidas que a deriva parafascista que o Partido Popular  vén de tomar en España da man de Pablo Casado, quen parece optar definitivamente por apropiarse das demandas de  VOX -por caso, a aplicación da censura  parental nos centros escolares-, fai cambalear o barco de A. Núñez Feijóo, que está fabricado para navegar por augas máis tranquilas e moderadas. Velaí que o presidente da Xunta de Galicia, dado que non consegue impoñer as súas teses, trate desesperadamente de desmarcarse desa deriva, consciente dos custos electorais que lle traería en Galicia. Non lle vai a ser fácil conseguilo e vai perder moitos votos nesa batalla.


Pero poida que sexa o vento que sopra desde Verín o que faga cambalear definitivamente a barca do Partido Popular de Galicia. A magnífica e crecente protesta cidadá, que está a acumular simpatías e apoios por toda Galicia, fronte ao que é un novo chanzo no desmantelamento da atención sanitaria pública –neste caso un  paritorio tal que obrigaría as mulleres da comarca a trasladarse a Ourense para parir cos importantes riscos que supoñería para a súa saúde-, está a sorprender, tanto pola súa amplitude como pola constancia, aos responsables da Xunta de Galicia. Uns políticos que observan, con indiscutible soberbia pero tamén con grandes doses de incompetencia, como un dos seus feudos tradicionais de voto, a provincia de Ourense (39,5%), cambaléase. Unha perda que tería indiscutibles repercusións en toda Galicia.


Nunca esperaría Alberto Núñez Feijóo que tal cousa pudese chegar a suceder. Que o seu partido de sempre (Partido Popular) estea a xogarlle en contra e que un número importante dos seus máis fieis votantes o abandoen. Non estaba no seu guión para o ano 2020. Un guión no que as bandeiras reivindicativas da Xunta de Galicia fronte ao goberno de España debían marcar o escenario político galego das eleccións autonómicas.


Fontes moi autorizadas aseguran que a tradicional tranquilidade que percorría tanto as salas de Monte Pio como os despachos do Palacio de Raxoi está a converterse nunha auténtica guerra de nervios que se acompaña de pesadelos. Que nestes últimos tempos o Presidente da Xunta de Galicia corre o serio risco de volverse birollo ao verse obrigado a ter un ollo en Madrid e outro en Verín.


Polas mesmas razos pero con perspectivas totalmente distintas, máis ben contrarias, os partidos da oposición tamén miran tanto a Madrid –neste caso ao Goberno de Coalición PSOE/ UP coa esperanza de que as súas políticas axúdenlles no asalto definitivo a Xunta de Galicia nas próximas eleccións autonómicas- como a Verín -esperando que a marea cidadá, xunto a outras mareas, como sucedeu no seu día co desastre do Prestige, lles  dean o impulso necesario para acceder ao goberno de Galicia-.


Paradoxos da política galega sempre cun ollo mirando a Madrid cando non son os dous.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE