O novo ano 2020 atopa ás esquerdas de Galicia nun claro estado de euforia e optimismo. Os resultados das últimas eleccións (locais e xerais) e a formación en España dun goberno de progreso (PSOE/UP) con importante apoio parlamentario, alimentan eses ánimos. Sendo comprensible ese optimismo, esa euforia, non lles viría mal un pouco, ou un moito, de prudencia, se temos en conta experiencias anteriores. Unhas experiencias que nos ensinan como en Galicia non se deben trasladar os resultados das eleccións xerais, mesmo das locais, ás eleccións autonómicas.
Por caso, no que levamos de autonomía (1981), mentres en España as esquerdas (PSOE) gobernaron amplos períodos de tempo (Felipe González: 1982/1996, Jose Luís R. Zapatero: 2004/2011), estes resultados non tiveron o seu paralelismo en Galicia. Neste país as esquerdas só gañaron unha vez as eleccións autonómicas (Emilio P. Touriño: 2005) e gobernaron outro período máis por mor de un particular “coup de force” palaciego pero democrático (Fernando G. Laxe: 1987). Non houbo nunca unha simbiose entre ambos os gobernos pois, por caso, durante os mandatos do PSOE en Madrid foron moito máis frecuentes en Galicia os mandatos do PP. A osmosis, por tanto, non existe.
Hai outros datos para considerar. En primeiro lugar que esas dúas vitorias viñeron sempre despois de acontecementos excepcionais que non parece que teñan cabida agora. A primeira vez (1987) accederon ao goberno da Xunta de Galicia por mor dunha previa ruptura do grupo parlamentar do PP que deu paso a unha nova maioría. A segunda veu favorecida por acontecementos (o desastre do Prestige e o declive físico de M. Fraga) que fan entender que a súa vitoria e o acceso ao goberno galego deuse máis por mor da crise das dereitas que por méritos propios. Por outra banda, ambos os gobernos non foron quen de consolidarse, de prorrogar o mandato, deixando na memoria colectiva dos galegos unha imaxe, indiscutiblemente inxusta, de malos xestores que as dereitas de Galicia e os seus altofalantes sempre souberon aproveitar e seguiron facendo.
Non menos decisivo, e sen que entre en contradición co sinalado ao principio -senón por mor da actual volatilidade dos votos-, será o devir do novo goberno español (PSOE/UP). Un goberno que será obxecto de ataques das dereitas (VOX, PP, Cs) por terra, mar e aire. Ataques para os que seguirán contando con apoios moi relevantes (poder xudicial, cloacas do estado, maioría de medios de comunicación e opinión...) fronte aos que á súa vez se precisará de apoios tamén fortes e amplos. Apoios estes que dependerán basicamente de dous factores: que o novo goberno móstrese forte e solidario, sen loitas cainitas, e que cumpra as súas promesas. Reto difícil pero non imposible e si esixible.
Estas esquerdas de Galicia deben tamén superar algunhas das súas actuais debilidades como, por caso, a derivada do feito indiscutible de que fronte a un liderado consolidado e nada débil das dereitas (A. Núñez Feijóo) elas carecen do mesmo: unha evidencia nada insignificante nos tempos que corren. Ao mesmo tempo teñen que aceptar que a súa imaxe galeguista e moi débil, tanto porque uns carecen da mesma (PSdeG-PSOE, EN COMÚN) como porque outros (BNG e EN MAREA) son, neste momento, forzas secundarias. As nefastas consecuencias que a división de EN MAREA tivo para o galeguismo político -por caso en Galicia, pasar de liderar unha alternativa de goberno ao PP para ter un papel secundario; en España, de poder ter grupo parlamentario propio a contar cun só parlamentario e situado nun grupo mixto- debeu facer reflexionar aos dirixentes de ambas as organizacións (BNG, EN MAREA) sobre os custos dun galeguismo dividido. Finalmente aquelas deben ser quen de convencer á cidadanía galega da súa real capacidade para gobernar xuntas con eficacia e durante moito tempo.
Por todas estas razóns coidado coas euforias que poden ser perigosas.
Escribe o teu comentario