Que é a vida senón unha obra de teatro na que cada un fai un acto ata que baixa o pano?". Dicía un dos máis grandes pensadores da época renacentista, Erasmo de Róterdan, que os grandes actores non se atopan nos teatros, senón na vida política, onde cada un dos seus actores interpreta un papel nesa obra na que nada é o que parece e a mentira quere suplir á verdade, co único fin de xustificar o inxustificable.
Este martes concluía a rolda de contactos do presidente en funcións Pedro Sánchez por unha banda e os negociadores do PSOE por outro, coas distintas forzas políticas para coñecer os apoios cos que conta o candidato para ser investido. Uns partidos xa fixeron público as súas intencións, outros en cambio están a xogar ao agocho, ou esperan por escrito que as súas peticións se cumpran.
A postura de ERC, en contra do que algúns explicitan, está clara. Só queda esperar ao próximo sábado, que é cando se celebra o Congreso dos republicanos, onde os seus dirixentes deben ser prudentes coas voces críticas coa posible abstención. Por iso, unha vez pasada a tormenta, as cousas volverán de novo ao mundo “real”.
Todos dan por feito o pacto do PSOE con ERC; o que queda por coñecer -se é que o din- é o custo que vai ter a tan ansiada abstención dos republicanos. Situación que poñen nun aperto aos socialistas. O resto de partidos e comunidades, incluídas as socialistas, están a esperar que as concesións non traspasen a liña vermella que algúns partidos están a denunciar.
Estas últimas horas, algúns membros de ERC están a denunciar chantaxe do PSOE para facer pública a súa decisión... Aos republicanos, metidos de cheo neste Congreso, non lles fai graza a présa de Pedro Sánchez para ser investido antes de que termine o ano.
Podemos e Comúns seguen facendo de intermediarios con algunhas persoas de ERC para terminar xa con esta situación de incerteza. Tamén quere que o tema quede resolto antes de tomar as uvas.
Nas obras de teatro, o guion é moi importante, pero en moitas ocasións este é superado pola actuación dos actores, sobre todo das primeiras espadas. Agora, falando en termos políticos, a función está a piques de terminar e como dixo no seu día o gran mestre de actores, Vittorio Gassman: “Un bo actor é un home que ofrece tan real a mentira que todos participan de ela”.
Algunha xente pensa que todo o que está a suceder é unha interpretación, onde nada é o que parece, e o que se explica nada ten que ver co que realmente está a suceder. A política está chea de actores, de todas as categorías. O preocupante é que tanto falar de transparencia, á hora da verdade, só queda en teoría e a realidade é ben distinta. Malos tempos tamén para os xornalistas, intermediarios coa cidadanía. Danse roldas de prensa sen preguntas e cando deixan facelas só poden facerse dúas.
“A turbulencia dos demagogos derruba os gobernos democráticos” dicía Aristóteles. Non hai que perder de vista esta frase, porque hai cousas que non cambian por moitos séculos que pasen.
Escribe o teu comentario