Gómez-Reino (En Común Unidas Podemos): "O noso espazo é o que representa o cambio""


Galiciapress entrevista a Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980), que volve ser cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos para o Congreso pola Coruña. O líder da formación violeta en Galicia xa obtivo escano nas pasadas eleccións. Reafirma o seu compromiso de “responder as demandas da cidadanía galega” e denuncia a intransixencia de Sánchez nas negociacións para formar un goberno. O delicado momento da industria galega, Cataluña e Carolina Bescansa son outros dos temas desta conversación, a cuarta das entrevistas electorais en Galiciapress, despois das dos candidatos de BNG, Cs e PP.


|

Galiciapress entrevista a Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980), que volve ser cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos para o Congreso pola Coruña. O líder da formación violeta en Galicia xa obtivo escano nas pasadas eleccións. Reafirma o seu compromiso de “responder as demandas da cidadanía galega” e denuncia a intransixencia de Sánchez nas negociacións para formar un goberno. O delicado momento da industria galega, Cataluña e Carolina Bescansa son outros dos temas desta conversación, a cuarta das entrevistas electorais en Galiciapress, despois das dos candidatos de BNGCsPP.


IMG 20191023 154811 (1)

Antón Gómez-Reino, líder de Podemos Galicia, atendeu a Galiciapress


Parte da cidadanía considera que estamos ante unhas novas eleccións porque non existiu entendemento entre PSOE e Unidas Podemos para formar goberno. Que cre que faltou para que España non teña un goberno progresista? Visto en frío e con perspectiva, cre que poderían aceptar a última proposta dos socialistas en xuño? O Ministerio de Traballo valía a repetición das eleccións?

Non o digo eu, dino as enquisas que están a saír e que reflicten que todo o mundo é consciente de que Pedro Sánchez é o principal responsable destas novas eleccións e é o responsable dunha enorme irresponsabilidade política. Unha irresponsabilidade histórica e confío en que despois do 10 de novembro non sexa aínda máis histórica esta irresponsabilidade. Nestes meses que transcorreron desde a primeira votación de investidura á segunda votación e nos seguintes creo que quedou claro que tanto o Partido Socialista como Pedro Sánchez o que querían eran unhas novas eleccións. Deixáronse levar polas análises que lles daban desde Moncloa que incluían a posibilidade dunha subida electoral pola súa banda. Insisto, isto creo que é unha irresponsabilidade histórica.


Nós fomos especialmente flexibles, como sabe todo o mundo. Renunciamos a manter a proporcionalidade que nos correspondía nos executivos, renunciamos a ministerios, renunciamos a que o noso candidato á presidencia estivese nese goberno, algo que non sucede en ningunha democracia de Europa Occidental…Todas estas renuncias facíanse porque entendiamos que nun goberno do PSOE somos conscientes que os socialistas din unha cousa en campaña e fan outra no goberno, polo que era fundamental estar dentro dese goberno para que fose netamente progresista e que fixese medidas de avances democráticos e sociais. Sabemos perfectamente que os socialistas din que van derrogar a Reforma Laboral pero despois non o fai. Creo que todos vimos de quen é a responsabilidade das eleccións e ata que punto nós fomos flexibles.


Doutra banda, nós nin sequera pediamos o Ministerio de Traballo, senón unha cousa concreta que nos parecía moi importante, como eran as Políticas Activas de Emprego. E nin iso quixo o Partido Socialista, cando ademais cabe lembrar que foi unha petición que fixemos por mor de que o expresidente Rodríguez Zapatero suxerísenos iso como alternativa para desbloquear a situación e o PSOE non se puidese negar a un acordo. Fomos flexibles pero atopámonos cunha negativa. A partir de agora é fundamental evitar que poida haber un goberno do PSOE con Cidadáns ou mesmo co Partido Popular como están a dicir moitos dirixentes de ambos os partidos. Para evitar iso todo o mundo é plenamente consciente que o espazo de Galicia en Común e Unidas Podemos teña un magnífico resultado e faga imposible que o PSOE se entregue aos brazos de PP e Cs.


En Común logrou dous escanos en Galicia o pasado abril, pero nas eleccións municipais de maio o espazo do cambio sufriu un retroceso ao perder concellos como o de Santiago, A Coruña ou Ferrol, perdas que se reproduciron a nivel estatal. Cre que o desgaste das negociacións e da campaña pasou factura aos concellos do cambio? Pode pasar o mesmo nestas eleccións?

As municipais foron unhas eleccións moi concretas nas que é certo que non tivemos o mellor do resultados pero creo que aínda así é evidente que nas principais cidades de país seguimos sendo a principal forza progresista á esquerda do PSOE. Máis aló diso, sobre este novo marco electoral, nós imos a por todas. As enquisas debuxan un horizonte onde como mínimo revalidariamos a nosa posición, pero para nós é importante ir a máis.

É fundamental evitar que poida haber un goberno do PSOE con Cidadáns ou mesmo co Partido Popular


Nestes meses, ademais das negociacións para tentar conseguir un goberno, continuamos levando todas aquelas demandas e problemáticas de Galicia ao Congreso e ao Senado. Creo que todos son perfectamente conscientes de que para ter a Galicia nun goberno pasa por que En Común teña un bo resultado e niso imos traballar nestas eleccións.


EN MAREA E BESCANSA

Fala de enquisas e as últimas sondaxes melloran os resultados do Partido Popular, empeoran os de Cidadáns e Vox e volven dar unha clara vantaxe ao bloque da esquerda, aínda que agora coa irrupción de ‘Máis País’. Desde Sondaxe en Galicia mantéñense os dous escanos que obtivo En Común en abril e elimina a Cidadáns da ecuación. Cre que esta nova fragmentación da esquerda, con papeletas do partido de Errejón en dúas provincias galegas, pode ser prexudicial para as aspiracións de En Común?

A palabra sobre iso téñena os cidadáns, non eu. A nosa proposta política é de longo percorrido porque levamos moitos anos facendo política no noso país e respondendo as demandas da cidadanía galega. Temos un percorrido e unha lexitimidade adquirida en todo este tempo e estou convencido de que o próximo 10N o noso espazo, que é o que representa o conxunto do espazo do cambio, vai ter un bo resultado no noso país.


Como ve a presenza de Bescansa, que fai menos dun ano pugnaba con vostede para liderar a formación violeta en Galicia, nas listas de ‘Máis País’?

É absolutamente lexítimo e todo o mundo ten dereito a cambiar de opción política. Si é verdade que é estraño que despois de presentarse e perder unhas primarias para dirixir a forza en Galicia aos poucos meses cambie de opción política. Pero polo demais creo que é lexítimo.


IMG 20191023 154919

Gómez-Reino durante a entrevista a Galiciapress


Quen non terá papeleta nestas eleccións é En Marea, que despois dos pobres resultados cultivados en abril decidiu non concorrer nesta convocatoria. Como ve este paso atrás da forza liderada por Luís Villares? Clarifica o espazo?

Si, creo que quen o clarificou foron os cidadáns que teñen moi claro quen representa o conxunto do espazo do cambio. Estou convencido que o 10 de novembro igualmente os galegos e galegas saberán que forza representa ese espazo.


Falaba antes da Reforma Laboral, pero tamén está a LOMCE, a Lei Mordaza…Cales cre que son os principais deberes que ten por facer o próximo goberno que salga das urnas? No referido a Galicia, Ence podería ser un deses deberes?

Son tantos! Tantos que atafegan. Por unha banda está a crise social que continúa existindo, a crise no emprego, económica, pero doutra banda temos unha crise ambiental que obriga a medidas urxentes. No caso de Ence diría que en primeiro lugar é necesaria unha rexeneración de todas as rías galegas, aínda que hai dous casos que son especialmente significativos como son Ence e Reganosa, e é necesario un goberno que planifique a política pública que protexa por unha banda ao medioambiente e por outra aos postos de traballo. Hai que facer plans de transición para esas empresas, e no caso de Ence e Reganosa nosa aposta é dar alternativas de emprego ás persoas afectadas.


No conxunto estatal, sen dúbida esas tres medidas (LOMCE, Lei Mordaza e Reforma Laboral) son metáforas perfectas coas que se pode entender como o PSOE predica unha cousa e fai logo outra cando está no goberno. Creo que para a derrogación destas medidas é fundamental que a aritmética do Congreso sexa claramente progresista e que nós esteamos no Goberno de España.


CATALUÑA E MEMORIA HISTÓRICA

A nivel nacional, estes días a principal preocupación e a actualidade vira ao redor da sentenza do Procés. Que valoración fai do desenvolvemento do xuízo e do fallo do Tribunal Supremo, así como do ambiente de tensión que se está vivindo estes días en Cataluña?

En primeiro lugar o que dixemos sempre: xudicializar un problema político é a peor das noticias. E eu diría que é tamén a peor das receitas e estamos a ver estes días as consecuencias. Creo que nestes momentos fai falta un cambio de ciclo, rematar a parte xudicial e empezar a parte política, e esta parte o que necesita é dialogo. Dialogo, dialogo, dialogo ou solucións políticas para a situación en Cataluña.


Con respecto á sentenza creo que todos somos conscientes de que neste país condenouse a terroristas  que foron secretarios de estado ou ministros de gobernos socialistas por secuestros con menos anos que neste caso. Ninguén entende que dous pacifistas como son os Jordis estean condenados a nove anos de prisión por actos de desobediencia civil estritamente pacíficos. Ninguén o entende. A valoración é negativa, máis aló de respectar a sentenza, pero é necesario un cambio de ciclo para que entre a política.


Vostede forma parte da Deputación Permanente. Cre que hai motivos para apoiar a Lei de Seguridade Nacional? É a solución ao conflito un Estado Federal no que Galicia ou Cataluña teñan dereito a decidir no seu caso sobre a súa independencia?

Sobre a Lei de Seguridade Nacional evidentemente non, porque non se dá o contexto. É unha situación  de orde pública como a que pode haber agora en Cataluña non se liquida cunha Lei de Seguridade Nacional senón que se liquida cos políticos dando exemplo: dialogando e rebaixando a tensión.

Fai falta un cambio de ciclo, rematar a parte xudicial e empezar a parte política


En canto á cuestión de abordar o marco estatal nós sempre consideramos que se a maioría da cidadanía catalá quere expresarse hai que buscar unha maneira normalizada democraticamente para que poidan facelo nun escenario de tranquilidade e calma no ámbito social de Cataluña. É evidente que nós sempre falamos, aínda que ese é un marco que xa se aceptou en moitos caso, de que a plurinacionalidad, que ten que recoller que existen unha serie de nacionalidades históricas, entre elas o noso país, e que deben ter, ademais dos dereitos nacionais recoñecidos, unha singularidade propia na forma da súa relación co conxunto do Estado.


Tamén a nivel nacional hai moita expectación ao redor de todo o que rodea á exhumación dos restos do ditador Francisco Franco. En Galicia isto cobra especial relevancia porque hai varios litixios abertos contra a familia Franco, como son a devolución do Pazo de Meirás, a Casa de Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham. Como valora a actuación do goberno central respecto diso? Vostede xa dixo que esta era unha medida “electoralista” e que non poden permitirse “misas e honras” a un ditador…

Para empezar chega dúas veces tarde: primeiro máis de 40 anos tarde despois da Transición e despois de varios lustros de gobernos socialistas; pero ademais agora chega un ano e medio tarde. O Goberno de Pedro Sánchez dixo despois da Moción de Censura que ía sacar os restos de Franco de forma inmediata. Estamos a ver non só que non o fixo de forma inmediata e faio precisamente en campaña.


Hai que dicir tamén que se o goberno socialista crésese de verdade a memoria histórica estaríase a acudir para devolver o Pazo de Meirás ou a Casa de Cornide aos galegos e as galles. É evidente que non fan o seu traballo en canto aos seus deberes en materia de memoria histórica pero si con esta cuestión que chega 40 anos tarde. A nosa valoración é que se hai que felicitar a alguén por isto é a todas as asociacións de memoria histórica que levan moitos anos traballando e presionando contra os gobernos para subliñar a necesidade de poñer en valor a memoria democrática.


Ao Goberno de Pedro Sánchez queda aínda moito traballo. Comprometeuse a quitarlle as medallas a ‘Billy o Neno’, traballo que non está feito, ou Meirás, ou Cornide, ou como saíu estes días o caso de Rodolfo Martín Villa, reclamada por extradición por Arxentina e que debería ser extraditado para cumprir cos deberes e obrigacións que hai contra este señor acusado de delitos de lesa humanidade e mandar unha mensaxe ao mundo de que non seguimos sendo un país que protexe e ampara a este tipo de delincuentes.


GALICIA: EMPREGOS, DESLOCALIZACIÓN...

Nos últimos meses a cidadanía mira con preocupación a economía galega: primeiro foi Alcoa, onde vostede estivo moi implicado nas reivindicacións dos traballadores e que aínda ten unha loita pendente en Cervo, os postos de emprego de Navantia tamén se cambalearon, agora son Barreiras e As Pontes…Estamos no peor momento da economía galega? Que se pode facer para salvar todos eses postos de emprego?

Seguro que estamos no peor momento da industria galega. O PSOE ten a política industrial de Solchaga, que é a de destruír absolutamente toda a industria sen ningún tipo de alternativa. No noso país estamos nun momento moi difícil: Alcoa, As Pontes…son situacións diferentes pero nas que é evidente que ten que haber unha intervención pública decidida e entender a industria como un sector estratéxico. Ademais disto ten que casar cunha cuestión que tamén é fundamental, como é que a industria ten que abordar a transición enerxética. Sen entender estas dúas cuestións, así como a transición ecolóxica, é imposible que cheguemos a bo porto.

Seguro que estamos no peor momento da industria galega 


Nós propoñemos por exemplo unha Lei Antideslocalizacións, que aquí é pioneira pero que está implantada en Francia onde non se permite que unha multinacional poida ter a maioría de determinadas empresas estratéxicas ou que poida levar esas empresas e se o fai terá que devolver todos os recursos públicos, etc. Por outra banda outra norma que xa expomos na anterior lexislatura como é unha Lei de Cambio Climático, que precisamente recolle como debe realizarse unha transición no ámbito laboral en zonas como a comarca das Pontes ou outras aectadas por este tipo de dinámicas, e hai que dicir que outros países como Italia ou Francia xa están a levar a cabo. Así, hai que ter implicación en contra o cambio climático por unha banda e por outra poñer ás multinacionais no seu lugar.


Con todo, aínda que como sinala son situacións distintas, tanto no caso de Alcoa como nas Pontes responden exclusivamente a decisións empresariais, non a motivos ecolóxicos nin a sancións…

Totalmente. É evidente que os dous casos, especialmente nas Pontes onde é lacerante que unha empresa que era pública agora sexa de capital italiano e sexan quen decide o que hai que facer nas Pontes, mentres que en Alcoa o capital privado é estadounidense e que pon en risco unha empresa que é perfectamente competitiva. O que temos é un executivo que non mira polos nosos sectores estratéxicos fundamentais e iso é o que ten que cambiar: unha política industrial decidida que aposte polos nosos sectores produtivos, sectores industriais e por un avance na transición enerxética.


IMG 20191023 154817




Mención á parte merece R e a deslocalización dos seus servizos. Vostede acompañou aos traballadores na manifestación da Coruña. Que lle parece que os seus postos de traballo saian fose de Galicia cando a compañía recibiu millóns de subvencións públicas do goberno galego?

Coa Lei Antideslocalizacións que presentamos e que non foi aprobada, pero que volveremos presentar na próxima lexislatura, o que ocorre con R ou Poligal, por poñer outro exemplo, non podería suceder. Falta un modelo, un modelo industria que hai no conxunto do Estado e neste país, non esquezamos que Feijóo é un alumno avantaxado con todo o que ten que ver con desmantelar o sector industrial neste país.


E ten que ver con non crer nos sectores estratéxicos. Nós xa o falabamos con Alcoa. Hai moitos artigos da Constitución, non só o 155, que se teñen que abordar. E se temos que dicir que hai un sector estratéxico que hai que nacionalizar pois haberá que facelo. E facelo sen que se nos caian os aneis, porque é algo que fan sistematicamente países europeos da nosa contorna política. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE